Friday 22 de November de 2024

Brión acollerá este sábado un baile solidario de swing da ONG Harambee para apoiar proxectos escolares en África


Haberá unha Master Class e despois baile libre no centro social polivalente brionés, de 17:00 a 19:00 horas

O centro social polivalente de Brión acollerá este sábado 1 de xuño, de 17:00 a 19:00 horas, un Baile Solidario de Swing, organizado pola ONG Harambee e que ten como obxectivo recadar fondos para colaborar en proxectos educativos da África subsahariana. De feito, a entrada para poder participar na actividade será un donativo voluntario para apoiar proxectos para escolarizar a mozos e mozas de África.

“Será un evento de Swing no que poderán participar veciños e veciñas de Brión e doutros lugares próximos”, explica Gloria Solé, delegada de Harambee ONG en Galicia, “comezaremos cunha master class de varias persoas que saben bailar swing e despois poderían bailar todos os asistentes”. Para poder participar na actividade só é preciso entregar un donativo na entrada do centro social polivalente, onde voluntarios e voluntarias desta ONG informarán sobre os proxectos educativos aos que se van dedicar estas achegas.

Harambee é unha ONG xurdida en 2022 que promove o desenvolvemento da África subsahariana co apoio a proxectos educativos, de promoción da muller ou de saúde materna e infantil. Co seu esforzo, estes voluntarios e voluntaria colaboran para facilitar o futuro dos africanos, promovendo o seu desenvolvemento e difundindo os seus valores e cualidades.