Saturday 23 de November de 2024

O PP de Culleredo deixa ao alcalde, José Ramón Rioboo, que cumpra o acordo plenario acadado para o pavillón do Tarrío


∙ O compromiso alcanzado en marzo, por unanimidade, pedía que “coa máxima urxencia” se levara a cabo un novo proxecto que recollese todas as demandas dos clubs, “entre elas unha nova pista e unha sala polivalente”.

∙ O proxecto orixinal de 2021 non contemplaba estas demandas, e non se levou a cabo pola nefasta xestión municipal que provocou que a empresa adxudicataria tivese que renunciar a realizar a obra.

No pleno de marzo aprobouse por unanimidade unha moción presentada polo Partido Popular na que se solicitaba a modificación do proxecto inicial do pavillón de Tarrío que contemplaba a reforma integral da pista e dunha sala de usos múltiples. “Demandas que os clubs e usuarios de Tarrío levaban anos reclamando ante a total indiferenza da Deputación ante as súas peticións”, declara a dirixente popular, Izaskun García.
“A nosa moción foi aprobada nestes termos por todos os grupos, a pesar dos intentos vans do alcalde de deixar a renovación do parqué para máis adiante, para outra licitación”, declara a portavoz popular.
Ante a importancia que este traballo ten para os clubs de Culleredo, no último pleno os populares preguntaron polo estado desta modificación acordada en marzo. “E cal foi a nosa sorpresa cando o alcalde afirmou que só se actualizaron os prezos, que o proxecto estaba aínda
sendo o mesmo e que as melloras que se engadiran no acordo plenario de marzo, as que tanto demandaban os clubs, que entrarían noutro proxecto paralelo”, denuncian os populares.

“Isto é moi grave”, din desde o grupo popular. “Se cres que podes ignorar un acordo plenario coma se Culleredo fose a túa casa de labranza, ou se descoñeces o acordo definitivo ao que se chegou, e pensas que a túa intención inicial de seguir facendo “parches” en Tarrío no canto da integral reforma que precisa, é o que finalmente se votou”, advirten dende o Grupo Popular.
Os populares afirman que “empregarán todos os medios ao seu alcance para que as obras do polideportivo de Tarrío se realicen nos termos acadados no acordo plenario de marzo, e así consta na acta”.