Monday 25 de November de 2024

Cerdido acollerá o XVII Campionato Galego de Dominó por parellas


 Desputarase o 29 de xuño, no Polideportivo Municipal de Cerdido

 A competición desenvolverase polo sistema de primeira rolda a sorteo, e as seguintes polo sistema suízo, coa regulamentación vixente da Federación Española de Dominó

 O torneo, que durará todo o día, terá comida servida ás 14:30 horas e premios para todos os asistentes

O sábado 29 de xuño, o Concello Cerdido será a sede do XVII Campionato Galego de Dominó por parellas.

A competición, organizada polo Concello de Cerdido, a Federación Galega de Dominó e a Asociación Recreativa Deportiva Dominó CVM, terá lugar no Polideportivo Municipal a partir das 10:15 horas.
As partidas, desenvolveranse nun primeiro momento polo sistema de primeira rolda a sorteo e, despois, polo sistema suízo, que consiste en chegar a 300 puntos nun tempo límite de 50 minutos.

Despois das cinco primeiras partidas, efectuarase un corte para a constitución dos grupos A e B. O grupo A formarano todas as parellas con 5, 4 e 3 partidas gañadas, deixando o resto de parellas ao grupo B, coa particularidade de que o grupo A deba estar composto por un número par de parellas.
A partir das 10:15 e ata ás 13:50 horas terán lugar as catro primeiras roldas. Máis tarde, sobre ás 14:30 horas celebrarase unha comida servida por Landeira Pulpeiros do Carballiño e a partir das 16:15 horas retomarase a competición ata as 19:50 horas, coa finalización do torneo.

A entrega de premios terá lugar a partir das 20:15 horas, con agasallos para todos os asistentes cun trofeo individual, e a maiores, a Federación Galega de Dominó subvencionará co importe da inscrición no Campionato de España por parellas 2024 á 1ª, 2ª e 3ª parella clasificada do grupo A.
As inscricións teñen un custo de 40 euros por xogador e o prazo pecharase 15 minutos antes da hora de comezo do torneo. Para inscribirse ou obter máis información pódese contactar co teléfono 636 110 492 (Daniel).

O comité de honra estará composto polo Alcalde de Cerdido, Alberto Rey, o concelleiro de deportes, Diego Graña, e a concelleira de cultura, Amalia Díaz. A súa vez, o comité organizador estará composto polo presidente da Federación Galega de Dominó, Manuel Seoane, e polo presidente e secretario do Club Dominó CVM, Víctor Lago e Arsenio Martínez, respectivamente. A arbitraxe do torneo corresponderá a Manuel Salgado.

Segundo indica o alcalde, Alberto Rey, “con esta competición de carácter autonómico, preténdese poñer o nome de Cerdido no mapa, nun día de festividade para os achegados”
O rexedor subliñou “a importancia de apoiar o deporte no noso municipio a todas as idades, facilitando que toda a veciñanza poida participar nun torneo destas características”.