Friday 22 de November de 2024

Case 2.200 corredores poderán participar este domingo na Carreira Popular dos Rosales


A proba absoluta comezará ás 10.00 horas na avenida Fernando Suárez García, xunto ao polideportivo municipal

Este domingo celebrarase a XI Carreira Popular Os Rosales, que forma parte do circuíto de carreiras populares Coruña Corre. Tras o período de inscrición, 2.196 persoas poderán participar nas diferentes categorías desta proba. O Goberno de Inés Rey traballa, ano tras ano, na mellora dun dos eventos máis populares de Galicia, expandindo aos barrios o deporte e os hábitos de vida saudables.

A proba absoluta comezará ás 10.00 horas na avenida Fernando Suárez García, próxima ao Polideportivo Municipal dos Rosales. O percorrido pasará pola praza Elíptica e Manuel Azaña ata Labañou, onde as persoas participantes irán cara ao paseo marítimo en dirección ao Portiño. A segunda parte do circuíto irá en dirección á estrada Fontes do Monte de San Pedro e volverá a Manuel Azaña desde a rúa Castelao.
Ademais da proba absoluta haberá, como é habitual, outras seis carreiras de categorías inferiores cun percorrido más curto. Os dorsais da proba deberán recollerse o domingo 2 de xullo, día da carreira, no Polideportivo Municipal dos Rosales, ata media hora antes de comezar a proba. Ademais, para a categoría ‘peques’ será necesario recoller pulseiras identificadoras no mesmo lugar e horario que os dorsais.

Haberá un servizo de duchas no Polideportivo Municipal dos Rosales das 10.30 ás 13.00 horas e outro de gardarroupa, das 9.30 ás 11.15 horas no mesmo espazo. Proporcionaráselles auga e avituallamento sólido a todas as persoas participantes na chegada á meta. A entrega de premios da carreira absoluta será ás 11.00 e a do resto de categorías ás 13.00 horas na propia zona de meta.
Toda a información, en corunacorre.com.

Afeccións ao tráfico

A undécima edición da Carreira Popular Os Rosales conta cun dispositivo especial de tráfico para garantir a seguridade de participantes e persoas condutoras. Polas necesidades de instalación dos elementos na zona de saída e meta, localizada na Avenida Fernando Suárez García (á altura do aparcadoiro de autobuses en dirección O Portiño), a Avenida e o Paseo Marítimo permanecerán cortados á circulación a partir das 7.30 horas no tramo comprendido entre a Glorieta de Travesía dos Rosales ata a Glorieta das Vítimas do Terrorismo.

Dende as 9.45 horas pecharanse ao tráfico as rúas pola que discorre o circuito. Estas son, ademais da Avenida Fernando Suárez García e o Paseo Marítimo, a Estrada do Portiño, Glorieta Catro Ventos (a contramán), Estrada dos Fortes, Carmen Rodríguez-Losada Trulock, Simón Bolivar (en sentido contrario á marcha), Manuel Azaña (en sentido contrario en carril contiguo a edificios), Travesía dos Rosales, Avenida Gerardo Porto, Glorieta Rolda de Outeiro (Labañou), Avenida Gerardo Porto (dirección Avenida de Labañou) ata o paso de peóns previo a glorieta Avenida Labañou e retorno por Avenida Gerardo Porto.

As carreiras de menores desenvolveranse na Avenida Fernando Suárez García, no tramo comprendido entre as glorietas situadas á altura de Travesía de Rosales e o monumento “Muller e Mar”, previa ao acceso do ascensor panorámico. Por este motivo, o Paseo Marítimo permanecerá cortado desde a Glorieta de Vítimas do Terrorismo ata a finalización destas probas.

Unha vez disposto o peche de circuíto, en torno ás 9.45 horas, o corte ampliarase ata a Glorieta de Avenida de Labañou-San Roque de Fóra. O resto de vías afectadas pola proba cortarase ao tráfico á hora antes citada, isto é, quince minutos antes do inicio. As vías por onde discorre a proba iranse abrindo ao tráfico progresivamente conforme ao paso dos corredores. Os accesos á zona do Portiño aproximadamente ás 10.30 horas, a rúa Simón Bolívar-Manuel Azaña en torno ás 11.15 horas e a Avenida de Gerard Porto sobre as 11.45 horas.

Debido ao corte da rúa Manuel Azaña, na súa incorporación desde a Rolda de Outeiro, recoméndase acceder aos viais interiores do Polígono dos Rosales a través das rúas Alfonso Rodríguez Castelao e desde a Estrada dos Fortes (á altura de Madeiras Peteiro), con acceso cara a Simón Bolívar e Emilio González López, así como ao tramo e sentido de Manuel Azaña non afectados polo itinerario da proba.