A alcaldesa Teresa Villaverde ofreceu a colaboración do Concello para a posta en marcha dunha escola de canicross en Lousame, que considera que pode atraer turismo á comarca
O Concello de Lousame vén de realizarlle unha homenaxe ao atleta local Fernando Pérez Fernández “Dete”, que nos dous últimos meses vén de proclamarse campión de España de Canicross en terra e campión de Galicia de Bikejoring. Un acto presidido pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e presentado pola concelleira de Deporte e Xuventude, María Regenjo, quen salientou o currículo deportivo de “Dete”, “pois cando unha persoa de Lousame leva o nome deste concello por toda España é algo que nos enche de orgullo”.
Pola súa banda, Teresa Villaverde felicitou a Fernando Pérez polos seus triunfos deportivos e desexoulle toda a sorte na posta en marcha de “Senbal adestramento canino”, unha iniciativa que combinará unha escola de canicross para fomentar o deporte de base e unha escola de adestramento de cans. “Estamos ao teu dispor para colaborar nesa escola e desexamos que sexan moitos os nenos e nenas que se acheguen a practicar este novo deporte”, apuntou Villaverde Pais, quen lembrou tamén que a singularidade desta proposta podería ser un novo atractivo turístico para a comarca. “Se conseguimos ter un circuíto de BTT ou de Canicross podería ser un atractivo que podería mover moito turismo familiar, que traería un retorno cara o municipio”.
A alcaldesa de Lousame entregoulle a Fernando Pérez un óleo co retrato de “Dete” e o seu can Wali cando se proclamaron campións de España. Así mesmo, entregoulle outro agasallo moi especial: unhas zapatillas deportivas para a súa primeira filla, nacida dous días antes. Pola súa banda, Fernando Pérez Fernández “Dete” agradeceu a homenaxe e o apoio do Concello de Lousame, municipio que dixo “pode ser un sitio bo para facer unha proba popular de Canicross”. Ademais, aproveitou para anunciar que “o obxectivo para este ano é poder participar o outono que vén no Campionato de Europa”.
Valores deportivos e respecto polos animais
“Dete”, que acudiu ao acto con Wali (can co que se proclamou en decembro campión de España de Canicross e en xaneiro campión de Galicia de Bikejoring), explicou que “o canicross é un dos deportes máis sinxelos de practicar, só hai que estar en forma”. Así, indicou que para practicar canicross “primeiro hai que ser amante do deporte e dos cans, porque hai que estar moito tempo con eles. Eu estou disposto a que todo o que o desexe veña probar, pois penso que o enganche xa ven só”. Neste sentido, explicou que “o importante é o animal, pois é un deporte que che baixa moito o ego porque estás centrado no can, co que creas un vínculo espectacular”.
“Dete” explicou que a idea de montar “Senbal adestramento canino” xurdíu despois de sacar o título de adestrador canino. “O noso principal obxectivo é o fomento deste deporte entre os máis novos, nenos e nenas a partir dos dez anos. Ensinarlles valores deportivos e respecto polos animais a través do canicross, que aprendan como deben tratar ao seu can. Supervisaremos o seu adestramento constantemente, estando ao seu carón en todo momento”.
As clases, a partir dos 10 anos de idade, serían dous días á semana e se impartirían en Cernande, parroquia de Tállara, onde contan cun centro de adestramento de 600 metros cadrados que sería o punto de encontro para logo saír a correr pola natureza. Máis información e inscricións en senbaladestramento@gmail.com, www.senbal.com ou no teléfono 625 441 930.
Currículo
Fernando Pérez Fernández “Dete” naceu na parroquia de Tállara (Lousame) o 29 de xullo de 1982. Actualmente compite con tres cans de raza alaskano (mestizos de Husky con Pointer ou Braco): Wali, Balta e Sherpa, na modalidade de canicross, na que é o actual Campión de España e Campión Galego bikejoring, superando ao Campión de España desta modalidade.
Despois de pasar polo Clube Alejandro Gómez (Vigo), esta temporada Fernando decidiu fundar o seu propio equipo, do que é o actual presidente: o SenBal Mushing Team, un clube de canicross federado paralelo ao seu Centro de Adestramento Canino e Escola de Canicross, aberto a todos aqueles que sintan curiosidade por este deporte e queiran fomentar un forte vínculo co seu can, ao mesmo tempo que pretende servir como caldo de cultivo de futuros campións de canicross fomentando o deporte base.
RESULTADOS TEMPORADA 2015-2016:
Campión de España de Canicross Terra con Wali (Covarrubias).
Campión Galego de Bikejoring con Wali (Boborás).
Canicross Boimorto con Balta, 1º.
Canicross Teira con Wali, 1º.
Bikejoring Teira con Sherpa, 1º.
Canicross Zamáns con Wali, 1º.
Bikejoring Zamáns con Balta, 2º.
Canicross Redondela con Wali, 1º.
Canicross Rodeiro con Balta, 2º.
Bikejoring Rodeiro con Wali, 2º.
Canicross A Estrada con Sherpa, 3º.
RESULTADOS TEMPORADA 2014-2015:
Campión Galego de Canicross con Sentinel (Rodeiro).
Subcampións de España de Canicross neve con Sentinel (Baqueira Beret).
Subcampións da Copa de España de Canicross en Categoría Élite con Sentinel.
Seleccionado pola Federac. Española para europeo e mundial.
Canicross de Valadares, 1º.
Canicross “A granxa do Xesto”, 1º.
Canicross Zamáns, 1º.
Canicross Comillas, 2º.
Canicross A Estrada, 2º.
Canicross Boimorto, 3º.
Canicross Cercedilla, 3º.
Canicross Ólvega, 5º.
Campionato España Canicross Terra, 5º.