Friday 22 de November de 2024

O pleno de San Sadurniño votará este xoves a tramitación do expediente de responsabilidade patrimonial contra os edís que subscribiron en 2007 o convenio urbanístico coa Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño


  • A Administración local cumpre deste xeito a sentenza do TSXG que corrixiu un fallo anterior do Contencioso-Administrativo nº 1 de Ferrol
  • O tribunal só obriga ao Concello a iniciar o procedemento, sen pronunciarse sobre o sentido en que debe resolverse

 

Último xoves do mes de maio e, polo tanto, día de pleno ordinario do Concello de San Sadurniño. Unha sesión que arrancará ás 19:30h e que leva na orde do día catro asuntos principais: unha declaración institucional de apoio ás persoas afectadas pola ELA, unha moción en solidariedade co Pobo Palestino e a proposta de sumarse á demanda da ANPA do CEIP Mosteiro de Caaveiro, na Capela, para que a Consellaría de Educación garanta a admisión de catro nenas e nenos que a día de hoxe non terían asegurada praza o curso que vén. Alén destas cuestións e das que poidan exporse como mocións urxentes ou rogos e preguntas, a sesión leva como punto principal o cumprimento dunha sentenza do TXSG en virtude da cal deberá tramitarse o expediente de responsabilidade patrimonial solicitado polas concelleiras do PP María Belén Trigo e Esther Díaz contra os cargos políticos que asinaron en 2007 o convenio urbanístico coa Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño.

Como se recordará, foi en decembro de 2021 cando o PP solicitou por escrito que o equipo de goberno asinante daquel acordo -Secundino García, Manolo Varela, Mari Carme Muíño, Suso Soto, Pepe Gudín e o socialista Fernando Márquez- respondese “solidariamente” co seu patrimonio persoal polo custe que lle supuxo ao consistorio o pagamento duns 283.000 euros polos predios rústicos que se incluíran no convenio, segundo a contía valorada polo xulgado a raíz dunha demanda interposta pola entidade en liquidación.

Á petición popular déuselle curso acordando no pleno de marzo de 2022 a apertura dun período informativo no que se recabaron informes xurídicos do secretario municipal e da asesoría externa contratada polo consistorio, que en ambos casos determinaron que na actuación dos membros do goberno non existira o “dolo, culpa ou neglixencia grave” esgrimida polas concelleiras do PP e que tampouco se produciran danos patrimoniais nin para o Concello nin para a cooperativa, posto que os terreos rústicos foron pagados a prezo de mercado (os urbanos aínda están pendentes de valoración xudicial).

En base a estes informes, nun pleno celebrado un mes despois acordouse non iniciar o expediente de responsabilidade patrimonial  solicitado por María Belén Trigo e Esther Díaz, pero non polo concelleiro José Luís Hermida, con intereses na Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño como liquidador da mesma.

Porén, a cousa non parou aí. E é que despois de que o asunto esgotase o seu percorrido plenario, as concelleiras do PP presentaron un recurso Contencioso Administrativo no xulgado de Ferrol demandando “a nulidade ou anulabilidade” do acordo da corporación e insistindo en que o Concello debería ter iniciado de oficio o expediente de responsabilidade patrimonial contra os membros do goberno que asinaran en 2007 o convenio urbanístico coa cooperativa.

Neste sentido, a Sala do Contencioso-Administrativo nº1 de Ferrol desestimou integramente o recurso das dúas edís do Partido Popular “por non apreciar o vicio de nulidade nin anulabilidade invocadas”. A sentenza non entraba a valorar o trasfondo da cuestión e centrábase en debullar aspectos procedimentais nos que se recalcaba a competencia do pleno para abrir un período informativo previo (ao respecto das circunstancias da sinatura e posterior anulación do convenio), así como a súa potestade para decidir sobre o inicio ou non do expediente que demandaban as concelleiras do PP.

Ante este fallo, Esther Díaz e María Belén Trigo presentaron un recurso de apelación perante o TSXG, quen hai unhas semanas se pronunciou a favor das demandantes, anulando a sentenza do Contencioso-Administrativo e, en consecuencia, o acordo plenario do 31 de marzo de 2022 onde se decidiu non iniciar o expediente de responsabilidade patrimonial.

A sentenza, que é firme, ten unha clara orientación cara a observancia da legalidade en materia procedimental, pero non se pronuncia sobre o asunto de fondo nin como debe resolverse, senón que se limita a instar ao Concello a que se abra o expediente e que este se tramite segundo a normativa que é de aplicación nestes casos.

Salvo sorpresas, este punto -o primeiro en importancia na orde do día- será o que depare maior debate e controversia entre o Grupo de Goberno e o Partido Popular, tal e como ocorreu nas anteriores sesións en que se tratou a cuestión. En calquera caso, e salvo problemas técnicos, o pleno poderá seguirse ao vivo a través de Youtube. Se houbese interrupcións no streaming, a gravación íntegra publicarase na mesma plataforma pouco despois do remate da sesión, así como en iVoox en formato de audio.