Friday 22 de November de 2024

O BNG denuncia esperas de ata tres semanas no centro de saúde de Ribeira pola “escandalosa” falta de médicos


A deputada Rosana Pérez urxe ao conselleiro de Sanidade a cobertura de prazas de persoal médico porque a situación aínda será peor coa chegada do verán

Pleno.- A deputada da Barbanza Rosana Pérez reclamou ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que solucione con urxencia a “escandalosa” falta de médicos no centro de saúde de Ribeira, onde os pacientes teñen que esperar agora até tres semanas para ser atendidos. De non poñerse remedio, advertiu, a situación aínda será peor coa chegada do verán, cando se a poboación case se triplica en Ribeira e na comarca pola chegada de turistas.

Na exposición dunha pregunta ao conselleiro, a deputada nacionalista advertiu de que a poboación de Ribeira está a sufrir a “peor atención sanitaria da súa historia” tanto pola falta de persoal médico no centro de saúde da cabeceira comarcal como no centro periférico de Palmeira, que leva medio ano sen cubrir, ou no de Corrubedo, onde os veciños e as veciñas concéntranse periodicamente dende hai un ano para reclamar unha médica ou médico a tempo completo.

“Non son casos puntuais”, asegurou Rosana Pérez respecto ás prazas sen cubrir e á situación de “sobrecarga asistencial brutal” que dende hai catro anos soporta o persoal do centro, “con cupos moi por enriba do establecido e listas de agarda que cada vez son maiores” sen que a Consellería -criticou- reaccione para cubrir as tres baixas prolongadas e as dúas prazas vacantes que existen, ademais das ausencias xustificadas que se producen a maiores. No centro de saúde de Ribeira, segundo explicou, hai dez médicxs na queda da mañá, pero habitualmente atenden catro e incluso tres a maioría dos días.

“Son arredor de sete mil pacientes os que se seguen sumando aos cupos deses tres ou catro médicos habituais e que están a sufrir as consecuencias dunha política sanitaria que mantén unha atención primaria nun deterioro insoportábel”, afirmou, para a continuación alertar das consecuencias que a falta de persoal médico no centro de saúde está a provocar tamén no PAC e mesmo nas urxencias hospitalarias.

“Non vivimos en Murcia, vivimos na Barbanza”

Rosana Pérez emprazou ao conselleiro a cumprir desta volta as súas promesas e lembroulle, neste sentido, que o pasado ano anunciouse a contratación de once facultativxs para os centros de saúde da Barbanza. No concurso de traslados que resolveron a finais de ano, só lograron cubrir unha praza das seis que se ofertaban en Ribeira, expuxo. Ademais, engadiu, “todos os MIR que se forman na comarca renuncian a traballar aquí por que non teñen condicións dignas de traballo e saben que non van poder levar a cabo unha atención de calidade”.

“Son moitos anos de maltrato aos profesionais, de parches, de quitar profesionais un sitio para poñelos noutros, moitos anos sen tomar medidas de calado e aumentando a inestabilidade, a presión e as listas de agarda”, concluíu a deputada do BNG, que afeou ao conselleiro que máis unha vez intente eludir as súas competencias responsabilizando exclusivamente ao Estado da falta de médicos.

“Nós non vivimos en Murcia, vivimos na Barbanza e aquí gobernan vostedes a Xunta”, espetoulle Rosana Pérez ao conselleiro, ao que convidou a poñerse de lado dos veciños e as veciñas resolvendo as carencias na atención primaria.