Ambos percorridos serán de 5 km, o primeiro deles en ruta e o segundo, contra reloxo individual.
No concello da Laracha decidiranse os campións absolutos, individuais e por equipos, da Copa de España de ciclismo paralímpico. Será na fin de semana do 8 e 9 de xuño, primeiro co Gran Premio de Vilaño do sábado e a continuación, co Gran Premio de Caión do domingo, cos que finaliza o circuíto nacional deste ano nas categorías handbike, triciclo, tándem e bicicletas adaptadas.
Ambos eventos foron presentados hoxe no Centro Sociocomunitario de Caión polo alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira de Deportes, Patricia Bello, o presidente da entidade organizadora -en colaboración co Concello e a Federación Galega de Ciclismo- Club Ciclista Riazor, Iván Manoel Montero, e a organizadora executiva, Lucía Pérez.
O Gran Premio de Vilaño do sábado 8 de xuño consistirá nunha proba en ruta cun percorrido de 5 quilómetros de distancia, sendo a saída e a meta na Praza da Areosa. A competición principiará ás 10:00 h e a previsión é finalizar en torno ás 13:00 h.
O Gran Premio de Caión do domingo día 9 será unha contra reloxo individual, tamén de 5 quilómetros, e neste caso con saída e meta no miradoiro xunto á estrada DP-1909. Prevese comezar ás 10:00 h e rematar ás 12:00 h.
Esta será a segunda experiencia do Club Ciclista Riazor como organizador dun evento destas características no concello da Laracha trala proba celebrada o pasado verán en Vilaño. Iván Manoel Montero apuntou que “este ano contaremos co dobre de participación que no anterior”, estimando que a cifra de competidores sexa próxima aos 70 en cada un dos Grandes Premios con paraciclistas procedentes de toda España -con especial presenza de Canarias, Valencia, País Vasco e Madrid- e tamén de Portugal. Considera que “é un reto para nós, pero tamén un avance, e queremos repetir en próximas temporadas intentando pechar a Copa de España para atraer máis xente”.
Precisamente Iván Manoel Montero, veciño da Laracha e que compite nas filas de NeuroImpulse-Galicia, é actual líder en categoría handbike MH5 e o claro favorito para proclamarse campión da Copa de España a título individual e tamén con opcións de facer o propio por equipos.
O alcalde expresou o seu agradecemento “con letras maiúsculas” aos organizadores “por pensar en traer aquí estes eventos tan importantes a nivel nacional”, expresándolles a “máxima colaboración por parte do Concello”. Concluíu felicitando ao propio Iván Manoel Montero “polos seus últimos resultados”, desexándolle que “continúe alcanzando as cotas máis altas de éxitos”.