Salienta que a media da taxa de abandono escolar temperá do ano 2015 sitúase no 17%, case 9 puntos menos ca media de 2009
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, felicitou hoxe aos alumnos con premio extraordinario e aos mestres e todo o sistema educativo galego por acadar a menor taxa de abandono escolar.
Durante o acto de entrega de diplomas dos Premios do Concurso Hispanoamericano de Ortografía e Premios Extraordinarios de Bacharelato, Formación Profesional de Grao Superior e Ensinanzas Artísticas Profesionais de Música, Danza e Artes Plásticas, Feijóo afirmou que a Galicia que queremos é a Galicia das oportunidades, “e as oportunidades –aseverou- están no coñecemento”.
Logo de felicitar aos premiados polo esforzo e a valía, o titular do Goberno galego animounos a continuar ese camiño e quixo facer extensiva esta felicitación, tamén, a todos os mestres que, xunto con todo o sistema educativo público, están a acadar resultados extraordinarios para Galicia.
Sobre este aspecto, Feijóo referiuse aos datos que acreditan unha constante diminución da taxa de abandono escolar temperá no sistema educativo galego, situándose a media do ano 2015 no 17%, case 9 puntos menos ca media de 2009. “Estamos –dixo- na taxa de abandono escolar temperá máis baixa desde que temos estatística”.
Máis polo miúdo subliñou que o dato do último trimestre de 2015 é de 15,7%, “achegándonos así ao obxectivo da Estratexia Educación e Formación 2020 da Unión Europea, do 15%”.
O presidente da Xunta concluíu a súa intervención lembrando que a pesar da recesión económica durante estes anos creáronse máis de 13.000 novas prazas de Formación Profesional, un 50% máis.