Sr. X, Tamara Alves, Stom500, Amaia Arrazola e Pablo Astrain encherán de cor a décima edición do festival internacional de arte pública
Aproxímase a Carballo unha auténtica tormenta creativa que nos vai acompañar desde o 30 de maio ata o 9 de xuño. Pero oxalá todos os fenómenos meteorolóxicos adversos fosen coma os que estamos a piques de vivir no Festival Internacional de Arte Pública que vén organizando dende hai dez anos a Concellaría de Promoción Económica e Turismo do Concello de Carballo, porque despois da treboada sairá o sol para amosarnos o arco iris en todo o seu esplendor.
Queres coñecer aos creadores e creadoras que encherán de cor a nosa vila?
Sr. X é un artista urbano galego afincado en Londres e unha figura referencial en Europa da arte urbana feita a través da técnica do stencil. Algúns dos seus temas preferidos son a cultura pop, o cinema, a publicidade e as lendas urbanas. As súas creacións a miúdo están envoltas nun distintivo velo de ironía, retranca e crítica social, sempre aliñadas cun característico humor ácido e sarcástico.
Podedes botar un ollo ao seu traballo aquí: https://sr-x.com
Para velo en acción só terás que achegarte ata a rúa Ponte 11 a partir do domingo 2.
Tamara Alves chega desde Portugal para presentarnos o seu traballo, cunha clara preferencia polos contextos urbanos. A artista lisboeta celebra de forma crúa e poética a vitalidade das sensacións fortes, o devir animal por oposición á deliberación racional e os nosos instintos como aquilo que nos define.
Coñécea mellor aquí: https://tamaraalves.com
Incorporarase ao festival o día 5 e pintará na Avenida das Flores 65.
Desde Suíza chega Stom500, que cultiva un universo delirante e humorístico. El mesmo se define con retranca como unha auténtica “navalla suíza”. Reflexa a miúdo temáticas animais baixo unha apariencia naif ou divertida que ocultan mensaxes relevantes, frecuentemente humanistas ou ecoloxistas.
Podedes botar un ollo ao seu traballo aquí: https://www.stom500.com
Desde o martes 4 estará pintando en rúa Baixa 3.
Este ano tamén teremos en Carballo á artista vasco-catalá Amaia Arrazola. Cun estilo colorista e naif e unha liña contundente, as súas ilustracións adquiren unha personalidade propia e moi recoñecible tanto na apariencia como na narrativa.
Se queres coñecer o seu traballo: https://amaiaarrazola.com
E se queres vela en acción, a partir de mañá estará na rúa Vila de Coristanco 12.
Pablo Astrain é o quinto artista convidado a este 10º Rexenera Fest. A súa pintura caracterízase por unha pincelada solta e unha paleta escura, profundizando na figuración dentro dun contexto narrativo e abordando temáticas tanto persoais como da actualidade social, a miúdo dende puntos de vista satíricos e onde abundan os retratos como eixe da composición.
Podedes ver o seu traballo aquí: https://pabloastrain.com
E tamén poderedes velo en directo desde mañá mesmo na rúa Montevideo 6.
O Rexenera Fest é unha iniciativa de arte pública promovida polo Concello de Carballo que intervén sobre o espazo urbano co obxecto de melloralo e crear un espazo de diálogo e desfrute aberto ás persoas. Ao mesmo tempo, busca mellorar a proxectar cara o exterior unha imaxe positiva do concello de Carballo, e traballa na mellora da concepción do propio por parte da cidadanía, así como crear un novo recurso turístico con novos espazos que buscan unha imaxe máis vangardista.
O festival inclúe, ademais, unha morea de actividades paralelas:
- 1 de xuño, de 17.00 a 19.30 horas. Obradoiro con Taller Trueno (prazas esgotadas). Alba Vázquez e Kike Muñoz desenvolven a técnica da serigrafía cun marcado carácter “faino ti mesmo”. As persoas participantes aprenderán o proceso dende a creación do deseño, a preparación das pantallas, o insolado e a propia estampación sobre diferentes soportes (pecheras, parches, pattern ou pequenas estampas). Os materiais están incluídos, pero podedes traer as vosas camis, bolsas ou soportes en papel para serigrafiar (recoméndanse tons claros). Ao rematar, cada participante poderá levarse as súas pezas e a súa propia pantalla para seguir estampando o seu deseño aló onde guste.
- 8 de xuño, de 10.30 a 13.00 ou de 16.30 a 19.00 horas. Obradoiro con Hanqo, un laboratorio de formas no que se crean e se editan lembranzas de produción local, cun especial interese en rescatar aqueles símbolos que falan da memoria dos lugares nos que habitamos e que moitas veces descoñecemos, revisalos e reinterpretalos desde un ollar contemporáneo. Neste obradoiro participativo de estampación de guerrilla buscaredes, rescataredes e reinterpretaredes todo ese material que vos rodea. Inscrición de balde escribindo a info@rexenerafest.gal indicando nome, apelidos e teléfono de contacto. Prazas limitadas. Admisión por orde de inscrición. Trae as túas prendas para estampar.
- Todos os días. Visitas guiadas. Convidámosvos, mapa en man, a percorrer os muros de Carballo escoitando as mellores anécdotas detrás de cada un deles, unha actividade para todos os públicos. Saída desde o Museo de Bergantiños. Inscrición previa en rutas@rexenerafest.gal ou no teléfono 981 702 077
- Xogos de pistas para familias. Unha actividade de balde e para todos os públicos que se realizará á carta, segundo a data elixida polos participantes. Con premio sorpresa ao finalizar as pescudas. Inscrición previa en rutas@rexenerafest.gal / 981 702 077
- Domingo 9 de xuño, de 13.00 a 16.00 horas. Peche do festival cunha sesión vermú a cargo de Minifundistas, o dúo coruñés especialista en sachar nos surcos dos minifundios máis produtivos e suculentos cunha selecta pinchada en vinilo. Traerán os mellores temas da súa vasta colección funk, afro, electrónica, rock, hip hop e un longo etc.. para que a xente non pare de bailar.