• Dará comezo a partir das 18:00 horas no pavillón polideportivo municipal
• Incluirá exhibicións de taekwondo e patinaxe e partidos entre nais, pais e alumnado de baloncesto, bádminton, fútbol sala e predeporte
Laxe, 29 de maio 2024 – As escolas deportivas de Laxe clausuran o curso 2023-2024 cunha xornada multidisciplinar que terá lugar o vindeiro 7 de xuño, a partir das 18:00 horas, no pavillón polideportivo municipal.
En primeiro lugar haberá unha breve presentación, á que continuará unha exhibición da escola de Taekwondo. O alumnado será o encargado de mostrar todos os movementos e técnicas adquiridas ao longo destes meses ao público asistente.
Os pais, nais e o alumnado de baloncesto e bádminton serán os seguintes protagonistas, cun enfrontamento entre os adultos e os máis novos. Esta mesma tipoloxía seguirán os alumnos e alumnas de fútbol sala e predeporte, que serán os seguintes en enfrontarse a seus pais e nais.
Por último, os grupos de patinaxe subirán aos patíns para deleitar ao público coas súas mellores acrobacias.
Ao remate farase unha entrega de diplomas ás persoas participantes.