· Supón un investimento de máis de 300.000 euros.
· Contémplase unir as redes da Brea e San Paio e crear unha nova rede na aldea de Fiobre.
O Executivo local de Bergondo, que dirixe Alejandra Pérez Máquez, proporá á corporación a aprobación inicial da quinta fase do plan de saneamento do municipio, que contempla actuacións por valor de máis de 300.000 euros.
Así, o goberno bergonés busca o visto e prace do pleno, que se celebrará mañá xoves 30 de maio, para levar a cabo dous proxectos que continuarán co desenvolvemento da rede en todo o municipio. En primeiro lugar, está prevista a actuación na zona da Brea – San Paio, un proxecto orzamentado en 108.939 euros; e o segundo dos proxectos desenvolverase en Fiobre, cun investimento que supera os 191.500 euros.
No primeiro caso, executarase unha nova rede de saneamento que une ás existentes en ambos núcleos, continuando a ampliación do servizo. Por outra banda, unha parte da aldea de Fiobre non dispón na actualidade de rede de saneamento, polo que está prevista unha nova rede para recoller as futuras conexións ás vivendas existentes nesa zona actualmente carente. Ademais, renovaranse as redes de recollida de pluviais e abastecemento de auga.
O goberno local sinala que “este tipo de infraestruturas son moi
importante para os veciños de Bergondo” e afirman que
“Seguimos traballando noutros novos proxectos de saneamento en
distintas parroquias do concello para seguir mellorando a súa calidade de
vida”.
Por exemplo, o proceso de contratación xa está en marcha nas zonas de Covas e Outeiros, ademais doutros proxectos que xa están en marcha como o que se está a acometer na zona de Tatín.