Saturday 05 de October de 2024

Xa está aberto o prazo de inscrición para o Campamento de Verán de Cerdido


 O Concello organiza esta actividade, en colaboración coa ANPA Os Carrís, na Área Recreativa O Castro desde o 24 de xuño ata o 6 de setembro

 O prazo límite para anotarse é o 10 de xuño a través da propia ANPA a través do teléfono 674 213 753

O Concello de Cerdido, en colaboración coa ANPA Os Carrís, organiza unha nova edición do Campamento de Verán 2024 para a rapazada.
Dará comezo o vindeiro 24 de xuño e realizarase ata o 6 de setembro, en horario de 8:30 a 14:30 horas.
O prazo de inscrición está aberto ata o 10 de xuño e o teléfono de contacto é o 674 213 753.
Ao haber prazas limitadas, a orde de inscrición é a seguinte: terán prioridade os nenos e nenas matriculados no CEIP A Barqueira, logo os participantes en edicións anteriores, a continuación as familias monoparentais ou numerosas e, por último, familias con dous nenos.
O custo da actividade varía en función do mes e de se a rapazada é ou non é socia da ANPA. Nos meses de xuño e setembro o prezo para os socios é de 15 euros e de 25 euros para os non socios. Nos meses de xullo e agosto os socios terán que abonar 60 euros e os non socios 80 euros.
Desde o Concello de Cerdido animan ás familias do municipio a participar deste campamento, que gozará de actividades lúdicas e de aprendizaxe durante a tempada estival.
Segundo indica o alcalde de Cerdido, Alberto Rey, “coa organización destes campamentos pretendemos facilitar a conciliación familiar e laboral durante o verán, unha tempada na que as crianzas están de vacacións e precisan ser coidadas”.
“O campamento servirá para que os nenos e as nenas desfruten dunha gran cantidade de actividades que permitan combinar o feito de seguir aprendendo con pasalo ben, polo que seguro que é unha opción para as familias de cara ao verán.