A delegada mantivo un encontro co rexedor para avaliar posibles vías de colaboración a través do apoio desde a Xunta para a execución dos seus proxectos e a mellora dos servizos aos seus veciños
A delegada da Xunta, Belén do Campo, reuniuse, esta mañá, co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, para analizar os proxectos que ten actualmente en marcha a Xunta neste municipio e para avaliar posibles vías de colaboración a través do apoio desde a Xunta para a execución dos seus proxectos e a mellora dos servizos aos seus veciños.
No encontro abordaron a situación na que se atopa a actuación de renovación integral do firme e calmado de tráfico na AC-414 ao seu paso polas poboacións de Xoane e Cances, que se suspenderon para dar tempo a clarexar as cuestións planteadas polos veciños da zona. Belén do Campo trasladoulle o compromiso da Xunta de para acadar unha solución a algún problema particular que poida relacionarse con algunha pendente ou acceso a algunha das vivendas. Neste senso, solicitou a colaboración do rexedor, para que, a través dos seus técnicos, fagan chegar as propostas dos veciños para ser avaliadas e, no caso de ser tecnicamente posibles, se executarían no momento en que se retomen as obras.
A delegada tamén aclarou que executar estar actuación, que supera os 700.000€ é fundamental para garantir a seguridade viaria porque inclúe a reposición do firme de toda a estrada, incluídos os aparcamentos, a sinalización horizontal, pasos de peóns elevados e sinalización para limitar a velocidade aos camións pesados.
Belén do Campo explicou que desde hai máis dunha semana o Goberno galego púxose a disposición do alcalde de Carballo para aclarar calquera dúbida sobre a intervención e mentres, dado que esta obra de reforzo de firme é máis ampla que esta actuación na AC-414, continuarase noutros tramos, ata que o Concello traslade as solucións propostas para solucionar cuestións concretas que expoñen algúns particulares.