A Casa das palmeiras de Neda acolle dende o próximo sábado, 1 de xuño, unha exposición impulsada pola Asociación NarArt. A mostra contará con obras de pintura e fotografía dun total de sete artistas da comarca.
Así, ata o día 20 de xuño, as persoas que se acheguen ata estas instalacións culturais poderán desfrutar cos traballos artísticos de autores e autoras de Ferrolterra. Así, exporase unha escolma de obras pictóricas da nedense María Jesús Millarengo, de Crisanto Poveda, Beba Pereira, Jesús Victoria, Sol Lamas e Katy Martín. Haberá óleos, acrílicos, acuarela… e tanto pintura figurativa, de temática variada, como abstracta. E no que atinxe á fotografía, exhibiranse traballos de Mayte López.
A inauguración da mostra de NarArt (Asociación de Amigos del Arte de Narón) terá lugar o 1 de xuño, a partir das 18 horas. E a exposición poderá visitarse despois de luns a venres de 18 a 20 horas. A entidade, nacida aló polo ano 2011 para divulgar o labor de artistas de Ferrolterra conta na actualidade con preto dun cento de socios e socias.