O obxectivo da iniciativa é intensificar o labor de animación á lectura que se realiza durante todo o ano desde o Concello de Carballo
Ademais da Semana do Libro e a Lectura, que este ano encheu de rapazada e de maxia a Biblioteca Rego da Balsa; do club de lectura infantil, que está resultando todo un éxito, das visitas quincenais dos Ratos de Lonxedetodo ou da creación dun punto de troco de libros no mercado municipal, entre outras moitas, as accións promovidas desde a Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística seguen a estenderse, agora coa creación dun punto de lectura na zona de pediatría do centro de saúde.
O Concello de Carballo, coa autorización dos responsables do centro médico, que é de titularidade autonómica, vén de acondicionar O noso recunchiño de lectura, un espazo dotado de expositores cheos de libros no que os nenos e as nenas poden escoller entre ducias de títulos adaptados ás diferentes idades.
A concelleira de Bibliotecas, Ángeles Pacoret, destacou a importancia de fomentar o hábito da lectura desde as idades máis temperás, e con esa intención se está a traballar durante todo o ano en accións de divulgación, animación e achegamento aos libros a todos os públicos, pero moi especialmente ao infantil.