O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, acudiron ao acto de clausura.
Rematou a terceira acción formativa realizada no marco do Programa Integrado de Emprego que se está a desenvolver no concello da Laracha.
Nesta ocasión tivo por temática a cociña e restauración básica, cunha duración de 120 horas. Participaron dezaseis persoas que se atopan en situación de desemprego e que tiveron a oportunidade de mellorar o seu perfil profesional de cara á súa futura inserción laboral.
Ao acto de clausura acudiron o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego e Promoción Económica, Rocío López. O rexedor municipal animou ao alumnado a aproveitar os coñecementos adquiridos e apuntou que todas as accións formativas que se levan a cabo dentro do Programa Integrado de Emprego se realizan en base ás bolsas de traballo que existen no termo municipal da Laracha.
Continuando co itinerario previsto, a continuación os participantes realizarán prácticas non laborais en empresas colaboradoras da comarca coa finalidade de consolidar os coñecementos adquiridos, proporcionarlles experiencia práctica en espazos reais de traballo, ofrecerlles a oportunidade de demostrar as súas competencias e de adquirir novas habilidades e, en definitiva, facilitarlles o contacto directo co mercado laboral.
Antes desta acción formativa de cociña e restauración básica leváranse a cabo outras dúas centradas na xestión loxística e no servizo de comida en centros sanitarios e sociosanitarios, obtendo todas elas unha excelente aceptación por parte do alumnado. A cuarta, consistente na condución de carretilla elevadora, comezará a impartirse a semana que vén. No mes de xuño están programadas outras dúas centradas nas limpezas xerais e a xestión de vendas. En setembro realizarase outro curso sobre as aplicacións informáticas.
A través do Programa Integrado de Emprego da Laracha o Concello e a Xunta de Galicia continúan apostando polo desenvolvemento de políticas activas de emprego. Das cen persoas que iniciaron o programa, trinta xa se atopan traballando na actualidade. O obxectivo mínimo de inserción laboral cando finalice o programa é do 41 %.