Friday 22 de November de 2024

O sábado 1 de xuño, 14ª Edición do Día do Deporte


Ás 13:30 horas será a tómbola co sorteo dos regalos.

A promoción dos estilos de vida saudables a través da práctica da actividade física volverá invadir as rúas da Laracha o 1 de xuño coa celebración da 14ª edición do Día do Deporte. Esta cita consolidada na programación municipal de cada ano está aberta á participación de toda a cidadanía. Os obxectivos son dar visibilidade ás diferentes modalidades deportivas que se practican no termo municipal da Laracha, animar á poboación a realizar exercicio físico e tamén clausurar algunhas das Escolas Deportivas Municipais que rematan agora a súa actividade.

Do mesmo xeito que nas anteriores edicións, a xornada desenvolverase na Praza Les Sables d’Olonne e en todo o seu entorno, tanto nas pistas polideportivas da Avenida Manuel Fraga, o skatepark, o pavillón do IES Agra de Leborís, a Praza da Cultura e a explanada fronte á piscina municipal.
As persoas que se acheguen para desfrutar deste evento poderán practicar fútbol sala, baloncesto, judo, tiro con arco, mountain bike, xadrez, equitación, ximnasia de mantemento, billarda, skate, actividades de primeiros auxilios e tamén deportes adaptados para incidir na inclusión e na diversidade a través do deporte.

Como actividades lúdico-deportivas que complementan a oferta están os karts a pedais, portería inchable, escalada tobogán, táboa de surf e pista de obstáculos.
Ademais, haberá exhibicións de patinaxe, zumbea e zumbea kids coas que se clausurará a temporada das Escolas Deportivas Municipais desas disciplinas.

Cada persoa que participe nalgunha das actividades deportivas recibirá un boleto para a tómbola co sorteo dos premios que se vai realizar a partir das 13:30 horas e será o peche da xornada.
Colaboran co Concello na organización do 14º Día do Deporte o Club Baloncesto Laracha, Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL), Amigos del Judo Laracha, Laracha en Dúas Rodas, Club Billarda Campo da Feira, Arco Laracha, Enki e a Xunta Local da Laracha da Asociación Española Contra o Cancro.