Friday 22 de November de 2024

Seis centros galegos lanzan acápsula estratosférica Marumasat VI para medir a velocidade do son


O CEE de Panxón, o IES Ramón Caamaño, o IES Miraflores, o IES Marco do Camballón, o IES Arcebispo Xelmírez II e o CPI Plurilingüe O Cruce participan no lanzamento deste aparello no marco do proxecto da Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA)

A Cidade da Cultura foi hoxe o escenario escollido para o lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat VI, no marco do proxecto da Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA).
Durante o voo, que se prolongou máis de dúas horas, a cápsula MarumaSat mediu a velocidade do son a diferentes alturas e creou unha melodía que se obterá empregando ChatGPT para correlacionar notas musicais con algunhas das variables que mide a sonda como pode ser a presión ou temperatura, relacionando así a ciencia coa arte e a accesibilidade. Ademais, no momento do lanzamento ao que asistiu o secretario xeral da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, a cápsula estratosférica levou unha mostra de ADN humano e dun fungo para ver a influencia que neles ten a exposición á radiación UV.
Neste proxecto participaron os alumnos do Centro de Educación Especial CEE de Panxón en Nigrán, do Instituto IES Ramón Caamaño de Muxía, do IES Miraflores de Oleiros, do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, do IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago e do Centro Público Integrado CPI Plurilingüe O Cruce de Cerceda.
Un proxecto colaborativo
Estes seis centros educativos conforman NOSA, un proxecto que naceu no curso 2014/15 cuxo obxectivo principal é levar ás aulas un modelo de traballo colaborativo a través do deseño e construción desta cápsula que cada ano realiza un voo suborbital.

O espírito do programa, compartido por todos os docentes implicados, é concienciar o alumnado da utilidade dos coñecementos que adquire para dar resposta a retos tan complexos como desenvolver esta cápsula estratosférica. A iniciativa afonda, ademais, na cooperación entre alumnado dos distintos centros e diferentes idades.