Friday 22 de November de 2024

A Xunta aposta por avanzar na concienciación da cidadanía sobre a proteccióon dos ecosistemas e a perservación da súa biodiversidade


— Ángeles Vázquez pon en valor o traballo realizado en Galicia para a mellora da situación biolóxica de especies vulnerables como a píllara das dunas, presente na lagoa de Baldaio e que conta cun plan de conservación

— O último censo galego desta especie, elaborado en 2023, reflicte un leve incremento da súa abundancia ao contabilizarse 84 parellas distribuídas por un total de 27 de praias da comunidade

A Xunta salienta a importancia de seguir concienciando ao conxunto da cidadanía sobre a adopción de medidas para protexer e conservar os ecosistemas galegos así como de ter comportamentos responsables co medio ambiente para preservar a variedade de flora e fauna existente na comunidade.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe a lagoa de Baldaio coincidindo coa celebración do Día Mundial da Biodiversidade, onde destacou o traballo que se realiza en Galicia para a protección de distintas especies vulnerables como a píllara das dunas, unha ave presente en distintas zonas da comunidade, entre elas este espazo costeiro do concello coruñés de Carballo.

A responsable autonómica incidiu na transcendencia de sensibilizar ao conxunto da cidadanía sobre o coidado e mantemento das especies vexetais e animais ao tempo que puxo en valor a diversidade de hábitats existentes na comunidade galega.

Ángeles Vázquez detallou os traballos de conservación que se están a realizar nos areais da lagoa de Baldaio para a protección da píllara das dunas, catalogada como especie vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas. De feito, esta especie conta cun plan de conservación no que se delimitan ás áreas de distribución potencial, presenza e áreas críticas para estas aves, entre as que se atopa o areal de Baldaio.

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático explicou que boa parte das actuacións se están a desenvolver ao amparo do proxecto europeo Iberalex, Xestión sostible de praias e zonas húmidas ibéricas: conservación da píllara das dunas como ferramenta para compatibilizar usos humanos e biodiversidade. Esta iniciativa conta cun orzamento de máis de 1,9 millóns de euros -cofinanciados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder)- para executar accións de protección da especie tanto en España como Portugal entre os anos 2023 e 2026.

Neste sentido, na contorna da lagoa de Baldaio hai 10 niños protexidos de píllara das dunas ao abeiro desta acción europea coa finalidade de velar polo crecemento da poboación dunha especie que adoita criar nas praias entre os meses de marzo e agosto.

A maiores, a Xunta realiza un seguimento da abundancia destas aves na comunidade mediante a elaboración dun censo de exemplares. O último realizado, de 2023, contabilizou un total de 84 parellas de píllara das dunas -cun leve incremento nos últimos dous anos- distribuídas por un total de 27 praias galegas.

No marco deste labor de conservación da especie, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tamén instalou 56 parcelas de exclusión para reducir a incidencia de depredadores alados e terrestres e balizou 30 áreas de nidificación. Ademais, estase a desenvolver un programa de incubación artificial de ovos e cría de pitos nos centros de recuperación de fauna silvestre (CRFS) de Oleiros e Cotobade. No marco desta acción, o ano pasado naceron 31 pitos, dos que voaron 30, e elevouse a produtividade das parellas -ata acadar unha media de 1,2 pitos voados por parella- achegándose así ao obxectivo de 1,5 pitos por parella establecido no plan de conservación da especie.

Lagoa de Baldaio
Esta área é un importante espazo natural de Galicia declarado Zona de Especial Protección para Aves (ZEPA). Trátase dun cordón de máis de tres quilómetros de dunas -algunha delas de ata 20 metros- que une Baldaio coa praia de Razo, conformando no seu conxunto un dos areais máis extensos de Galicia.

De feito, esta zona húmida forma parte da Zona de Especial Conservación (ZEC) Costa da Morte e as súas especiais características permiten a existencia de distintos tipos de ecosistemas. Nesta liña, desde a súa inclusión na Rede Natura 2000 realizáronse distintas actuacións tanto para mellorar as súas características ecolóxicas e paisaxísticas.