Friday 22 de November de 2024

Xunta, Concello e Estado asinan un protocolo para impulsar a reordenación da fchada marítima da Coruña


— A comisión Coruña Marítima será o organismo de coordinación a través do que se definirán os novos usos portuarios e urbanos dos peiraos interiores

— O obxectivo é integrar os peiraos interiores na malla urbana baixo a premisa do mantemento da súa titularidade pública e garantindo a competitividade e sustentabilidade da autoridade portuaria

A Xunta de Galicia, o Concello, o Ministerio de Transportes, Portos do Estado, Adif e a Autoridade Portuaria da Coruña asinaron esta mañá un protocolo de colaboración para abrir unha nova etapa de cooperación interadministrativa para a reordenación dos espazos portuarios interiores da cidade.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda; a alcaldesa, Inés Rey; o secretario de Estado de Transportes y Movilidad Sostenible, José Antonio Santano; o presidente de Portos do Estado, Álvaro Rodríguez; o presidente de Adif, Ángel Contreras e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, foron os asinantes do documento en representación de cada unha das Administracións implicadas.

O novo protocolo subscrito esta mañá en María Pita establece un novo marco de entendemento para abordar a integración dos peiraos interiores na nova fachada marítima da Coruña, asumindo tamén as necesidades financeiras da Autoridade Portuaria, así como o traslado e reposición da Terminal Ferroviaria de Mercadorías de San Diego, e o mantemento de actividades portuarias nos peiraos. “Ábrese unha etapa de frutífera colaboración e cooperación administrativa, de entendemento institucional, na transformación e reordenación urbanística dunha boa parte dos espazos portuarios interiores, que pode xerar un amplo beneficio económico para a propia Autoridade Portuaria e un gran beneficio social para a cidadanía”, índica o documento.

Todas as administracións acordaron consensuar un novo marco xurídico que supere os convenios de 2004 e están de acordo en considerar que a reordenación da fachada deberá basearse na titularidade pública dos espazos como principio reitor básico para garantir a accesibilidade cidadá aos terreos e que iso é compatible coa necesidade de xerar recursos coa autoridade portuaria.

As partes acordaron traballar de modo conxunto para establecer un cronograma que marque os pasos a dar na transformación portuaria.

Todos os traballos coordinaranse a través dunha comisión, denominada Coruña Marítima designada polo Consello de Administración da Autoridade Portuaria. A súa presidencia será ostentada pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e dela formarán parte os representantes que designen as administracións asinantes do protocolo así como integrantes dos partidos con representación municipal.

Dita comisión abordará a integración do porto na totalidade da súa superficie, desde o Dique de Abrigo ata a dársena de Oza, establecendo as prioridades, o cronograma e os usos en cada unha das zonas e establecendo a folla de ruta necesaria para a reordenación dos espazos.