Friday 22 de November de 2024

Programa de conciliación do Concello de Ribeira para o verán 2024


O segundo tenente de alcalde Vicente Mariño e a concelleira Tania Redondo presentaron hoxe o programa de conciliación Días Sen Cole de cara ao verán deste ano 2024.

A área de Servizos Sociais Comunitarios impulsa os campamentos de conciliación durante as vacacións do Verán 2024, coincidindo coas datas das vacacións escolares, de luns a venres –excepto festivos- de 08:30 a 14:30 horas e destinados a nenos e nenas de 3 anos (escolarizados) a 12 anos “co obxectivo de que os máis novos pasen unhas vacacións de ocio e divertimento, aprendendo contidos de todo tipo e en ámbitos relacionados coa cultura, igualdade, o medio ambiente ou as novas tecnoloxías.” explicou o concelleiro Vicente Mariño.

Así, establécense os seguintes prezos e modalidades de matrícula pola asistencia a ditas actividades; o campamento de verán “xoga con nós” cun prezo de matrícula de 85 euros/ mes, que terá un custe de 150 euros en total no caso de inscribirse ambos meses. O campamento de inglés “summer camp” ten un prezo de 95 euros/mes; e 170 euros pola inscrición de ambos xullo e agosto. Doutra banda, o campamento urbano ten un prezo de 42 euros, que se poderá incluir a calquera dos anteriores.
Ademais, aplicarase un desconto do 20% sobre o importe de matrícula aos fillos e fillas das familias que teñan o título de familia numerosa, familias acolledoras ou monoparentais, familias con dous ou máis inscritos nesta actividade, familias nas que un dos seus membros sexa desempregado de longa duración, e familias nas que o propio participante acrediteunha discapacidade do 33%. Tamén se resevará o 10% das prazas dos campamentos para emerxencia social.

Os campamentos levaranse a cabo do 1 de xullo ao 30 de agosto no CEIP O Grupo en horario de mañá. O prazo de preinscrición estará aberto dende o 22 de maio ao 7 de xuño, e poderá facerse de xeito presencial na Casa da Xuventude ou ben de xeito telemático; a través da sede electrónica da páxina web www.ribeira.gal.