O concelleiro de Deportes, Xabier Vidal, presentou hoxe xunto a Chento Dominguez; a III Palmeira Cup Futevolei que se celebrará o vindeiro sábado 1 de xuño na praia da Corna en Palmeira.
O evento está organizado polo Clube de Futevolei de Vigo, co adestrador Ramón Pérez e o presidente Diego Ferreira, en colaboración coa concellería de Deportes de Ribeira. Segundo explicou Ramón Pérez, na primeira edición contaron con 16 participantes, 28 na segunda e “agora xa temos 33 inscritos”. O prazo de inscricións está aberto ata o 25 de maio e poderanse realizar a través das redes sociais de Futevolei Vigo, cunha cuota de 10 euros coa que se pretende costear o prezo da comida, xa que ao remate do torneo celebrarase unha churrascada.
O futevolei é parecido ao volei praia, pero non se poden empregar as mans, tendo igualmente tres toques alternos para poder pasar o balón ao outro lado da rede. “O noso propósito é visibilizar esta disciplina e achegar a tódalas parroquias distintas actividades deportivas para que a xente poida introducirse neste deporte.” afirmou Xabier Vidal.