As radiografías do terreo con técnicas non invasivas ofrecerá datos de interese para futuras iniciativas dirixidas á posta en valor do xacemento.
Un equipo de arqueólogos do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), centro pertencente ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), está a levar a cabo nestes días no Castro de Montes Claros unha prospección xeofísica. Faise no marco do proxecto Hinterland, financiado pola Axencia Estatal de Investigación e co-dirixido por César Parcero Oubiña e David González Álvarez, que ten por finalidade pescudar que facían os habitantes dos castros fóra dos límites das murallas e que tipo de restos arqueolóxicos da época poden existir no seu exterior.
Para obter dita información os investigadores están a empregar diferentes equipos que permiten radiografar o chan para amosar o que pode haber soterrado, cunha técnica non invasiva similar a como se fan as radiografías do corpo humano. Nestes días no Castro de Montes Claros utilizan o gradiómetro, aparello que mide cambios no magnetismo do terreo que poden indicar a existencia de muros, foxos, gabias ou lareiras.
Trátase dunha primeira fase de probas coa que pretenden obter información sobre o funcionamento óptimo das técnicas empregadas nun tipo de terreo das características do Castro de Montes Claros e facer unha aproximación á presenza de estruturas soterradas en varios espazos reducidos do sitio e da súa periferia inmediata para ver cales son as zonas con maior potencial. Segundo os resultados obtidos, en próximas datas, previsiblemente durante o verán, faríase un traballo máis amplo cubrindo espazos de maior extensión.
O estudo ten unha dobre finalidade, xa que se agarda que os resultados aporten datos de valor para o proxecto Hinterland e que tamén sexan de utilidade para as iniciativas que promova o Concello da Laracha para a posta en valor do castro. O alcalde, José Manuel López Varela, e a edil Rocío López, interesáronse polas accións que se están a levar a cabo, reuníndose no propio xacemento cos promotores do proxecto Hinterland e con Puri Soto, a arqueóloga que dirixe as intervencións municipais no Castro de Montes Claros.