• O alcalde, Valentín Calvín, e a edil de Saúde, Ana Cartelle, reuníronse a pasada semana co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, para solicitar este novo servizo
• O encontro, no que tamén estiveron presentes o director xeral de Asistencia Sanitaria e a xerente da área Sanitaria de Ferrol, serviu para avanzar no proxecto de mellora do Centro de Saúde de Mera
O Concello de Ortigueira traballa na obtención dunha ambulancia medicalizada para o municipio. O alcalde, Valentín Calvín, e a edil de Saúde, Ana Cartelle, foron recibidos a pasada semana polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.
Na reunión, na que tamén estiveron presentes o director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo José Silva Tojo, e a xerente da área Sanitaria de Ferrol, María Fernanda López Crecente, os representantes da institución ortigueiresa expuxeron o interese do Concello por contar cun servizo que permitiría elevar de maneira notable a calidade do servizo sanitario de Ortigueira e a súa área de influencia. E a resposta da Xunta de Galicia foi positiva a este respecto.
Deste xeito, o rexedor e a edil responsable de Sanidade obtiveron o compromiso por parte da Consellería de que se estudará a proposta e o avance de que existe un alto número de posibilidades de poder dotar a Ortigueira co vehículo medicalizado.
Neste sentido, Concello e Xunta concordan no argumento crave para dotar a Ortigueira deste novo servizo nun futuro próximo: a enorme densidade do municipio. E é que a localidade ortigueiresa é a terceira en canto a extensión en toda a provincia, só superada polas Pontes e Santiago de Compostela. A este dato úneselle un padrón que non alcanza os 6.000 censados, polo que a densidade poboacional é baixa.
“Ambos os factores son claves para comprender o enorme salto que supoñería para a localidade contar cun servizo propio de transporte de urxencias”, apunta o alcalde, Valentín Calvín, que recalca a “predisposición da Consellería non só para escoitar, senón para dotar a Ortigueira deste servizo”.
Unido á cuestión da ambulancia medicalizada, Calvín e Cartelle tamén trataron a reforma do Centro de Saúde de Mera e a posta a piques da nova sala de Radioloxía, dúas actuacións que tamén elevarán a calidade asistencial de maneira notable no concello ortigueirés.
En canto ao centro de saúde, Concello e Consellería concretaron máis termos dunha actuación xa pactada para poñer fin aos déficits estruturais da edificación. Estes problemas, que xa veñen arrastrándose desde hai tempo, concrétanse en filtracións e humidades que prexudican a salubridade e provocan cortes de luz. Uns cortes eléctricos que obrigan ao persoal sanitario a refugar medicamentos que deben conservarse en frío.
Por último, no referente á Sala de Radioloxía, o SERGAS ultima a posta a piques dun espazo que, despois das obras para desenvolver o seu necesario sistema de illamento, xa conta con case todo o material loxístico para empezar a funcionar nas próximas semanas. Deste xeito, os veciños e veciñas poderán acudir a realizarse probas diagnósticas ao Centro de Saúde de Ortigueira, algo que non só aumentará a comodidade dos pacientes, senón que mellorará a capacidade preventiva e diagnóstica.