As rúas do núcleo urbano da Pobra do Caramiñal convertéronse nun particular campo de xogos para o alumnado dos centros educativos da primaria Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra, ao abeiro da axenda do Maio das Letras Galegas 2024 impulsada pola Concellaría da Cultura.
Durante un anaco da mañá, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, acompañou preto de 350 alumnos e alumnas para comproba-la superación das diferentes probas e xogos para, logo de completados, obteren cada unha das letras que conforman o nome Galicia e colocalas nunha placa. Cando a palabra estivo completa, puideron trocar por medallóns de madeira personalizados con debuxos de animais mitolóxicos.
Pero descubrir estas Marabillas de Galicia non resultou doado, pois durante a súa aventura tiveron que ter coidado cos fillos da coca de Redondela, que tentaban rouba-las letras xa gañadas, polo cal as crianzas tiveron que idear estratexias para evitaren que estes animais mitolóxicos con corpo de dragón e cola de serpe se fixesen coas letras, nunha xornada en que o equipo de Recuperación de Animais Mitolóxicos de Barafunda Animación quixo que coñecesen a cultura galega e coexistisen coa rapazada humana.
O cartel do Maio das Letras Galegas chegará á súa fin coa presentación do libro Fóra de xogo, de José Luis Baños, obra gañadora do VI Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. A cita desenvolverase no xoves 30, ás 12.00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán. Entregarase como obsequio cadanseu libro ao alumnado da primaria asistente a este acto.