Friday 22 de November de 2024

Mulleres Colleiteiras colabora un ano máis coa Edar de Bens na redución dos verquidos de aceite doméstico en augas residuais 


A alcaldesa e presidenta da Edar, Inés Rey, asinou con Montserrat Gabarri, presidenta de Mulleres Colleiteiras, o convenio de colaboración entre a empresa municipal e a cooperativa 

A Coruña conta con 80 colectores de aceite en diferentes puntos da cidade froito do convenio, que conta cunha achega de 15.000 euros para impulsar a inserción laboral de mulleres en risco de exclusión social 

A alcaldesa da Coruña e presidenta de Edar de Bens S.A., Inés Rey, e a presidenta de Mulleres Colleiteiras, Montserrat Gabarri; asinaron esta mañá a renovación do convenio de colaboración entre a empresa municipal e a cooperativa co obxectivo de avanzar na concienciación sobre os verquidos de aceite doméstico e impulsar a inserción laboral feminina. 

Mulleres Colleiteiras ten como obxectivo promover o emprego de mulleres en risco de exclusión social mediante a recollida de aceites usados para a súa reutilización. A través deste convenio evítase que o aceite usado chegue ás augas residuais da cidade, protexendo o medio ambiente e minimizando custos do servizo público de depuración. 

O acordo asinado conta cunha achega de 15.000 euros para apoiar o desenvolvemento das actividades do colectivo, impulsando o emprego feminino ao tempo que se procura reducir a vertedura de aceites na rede de sumidoiros. O pasado ano 2023, Mulleres Colleiteiras recolleu un total de 220.000 litros de aceite vexetal co que se producirá combustible. A recollida realízase na Coruña, Arteixo, Cerceda e Santa Comba ademais dos concellos do Consorcio das Mariñas xunto con 150 gasolineiras de Repsol. 

O Concello colabora dende hai anos con Mulleres Colleiteiras en diferentes actividades e servizos. Actualmente, A Coruña conta con 80 puntos de recollida de aceite doméstico para a redución na vertedura de aceites á rede de sumidoiros da man de Mulleres Colleiteiras, froito do convenio asinado co Concello que inclúe tamén actividades de divulgación e sensibilización medioambiental.