As xornadas terán lugar os días 7, 8 e 9 de xuño no Fórum Metropolitano da Coruña, con acceso de balde ata completar capacidade
Trátase dunha iniciativa pioneira co obxectivo promover e compartir coñecementos sobre benestar e coidado animal
O Concello da Coruña pon en marcha as primeiras xornadas UrbanDog, o primeiro encontro sobre benestar animal, educación canina e adestramento da Coruña. A iniciativa enmárcase na liña de actuacións do Goberno de Inés Rey orientadas ás familias con animais de compañía, gañando espazos de convivencia e adaptando a cidade ás novas realidades.
O primeiro UrbanDog conta cun compendio de actividades divulgativas e orientadas á aprendizaxe e formación dos donos e donas dos cans. No programa participarán persoas expertas en diversas especialidades. Tamén haberá obradoiros prácticos e exhibicións caninas. As xornadas terán lugar os días 7, 8 e 9 de xuño no Fórum Metropolitano da Coruña, con acceso de balde ata completar capacidade.
Trátase dunha iniciativa pioneira que ten como obxectivo promover o coñecemento e o cumprimento da nova normativa de benestar animal, así como achegar e compartir ferramentas, recomendacións e técnicas de educación e adestramento canino. Está organizada polo Concello da Coruña coa colaboración de Purina, empresa dedicada ao coidado e alimentación dos animais de compañía.
A xornada comezará o venres pola tarde coa apertura institucional da man da concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz. A continuación terá lugar un relatorio sobre a ordenanza de benestar animal da Coruña, modificada o pasado ano 2023 para a inclusión de novas recomendacións e usos, a supresión do sacrificio animal e establecendo a cala de Bens como praia canina. Estará dirixida por Carlos Alfonso López, director de Educan e Sonia Diéguez, técnica municipal do Concello da Coruña. A continuación realizarase unha demostración sobre habilidades caninas, acargo de Dani Pardos, director e adestrador de Spartcan.
En canto ao sábado, a xornada comezará cunha mesa redonda sobre o can na sociedade actual. Participarán Elena Castro de CanCoruña, Octavio Villazala de Montegatto, Sergio Ferreiro de Terra de Cans, Jose Luís Lorenzo Couce de Adestramento Deportivo Layamajo e Samuel Rodríguez, activista. A continuación, levaranse a cabo dúas charlas sobre adopción animal e os diferentes problemas de conduta que poden xurdir, así como as ferramentas para unha vida saudable dos cans. Seguirá pola tarde cunha charla sobre deporte canino da man de Mikel Pino, director e adestrador de Kireba, e outra sobre necesidades caninas en contornas urbanas, co etólogo Miguel Ibáñez. A xornada complétase cun obradoiro sobre linguaxe canina da man de Patricia Guerrero, divulgadora, domadora e educadora de cans.
O domingo 9 de xuño, as actividades trasládanse ao Parque Europa, con tres exhibicións caninas. A primeira correspóndese coa modalidade IGP, con probas de rastrexo, obediencia e protección realizada polo Club de Adestramento Layamajo. O Club Agility Coruña realizará unha sobre axilidade canina, con circuitos e obstáculos propios da modalidade. A nómina complétase coa Policía Local da Coruña, que mostrará as habilidades da brigrada de cans antidroga.
Coa organización destas xornadas, o Goberno de Inés Rey avanza na convivencia cidadá e os animais de compañía, con programación específica sobre educación canina orientada a familias con animais de compañía ou cidadanía en xeral que queira iniciar un proceso de adopción.