Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame e a Fundación Amigos de Galicia achegarán as novas tecnoloxías ás persoas maiores do municipio


O Concello de Lousame, en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia e a Xunta de Galicia, porán en marcha a segunda edición do programa “Nosos maiores, mellor acompañados”. Trátase dunha iniciativa gratuíta dirixida ás persoas maiores de Lousame, en especial aquelas que vivan soas, para promover un envellecemento activo mediante a súa sociabilización e dixitalización.

Para conseguilo, Concello e Fundación organizarán catro sesións nas que lles ensinarán a manexar o teléfono móbil e os ordenadores para realizar xestións a través de Internet (pedir citas médicas ou coa Administración, banca electrónica…). Serán un total de 10 horas de formación, repartidas en catro sesións, que terán lugar os luns 17 e 24 de xuño e os luns 1 e 8 de xullo. As clases terán lugar na escola do Sanguiñal, en horario de 10:00 a 12:30 horas. A participación é gratuíta, sendo preciso anotarse previamente no Departamento de Servizos Sociais de Lousame (981 820 494).

Os obradoiros contan cun simulador de caixeiro automático bancario e teléfono móbil para que, de forma práctica, as persoas maiores poidan experimentar unha aprendizaxe significativa e interiorizar as actividades propostas; tales como solicitar unha cita médica a través da APP móbil do Sergas, gardar quenda no seu centro de saúde, sacar diñeiro no caixeiro, actualizar a súa cartilla ou manexar os seus teléfonos móbiles.

Uns obradoiros prácticos e sinxelos que teñen como obxectivo final favorecer a independencia dixital das persoas maiores de Lousame, para que así poidan levar a cabo as súas tarefas diarias de maneira autónoma.