A actuación está financiada ao 80 % pola vicepresidencia segunda e a consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ne o 20 % restante corresponde ás arcas municipais
Colocaranse dúas columnas de celosía metálica de 20 metros e instalaranse 4 pantallas led de 1.000 watios, dúas a cada lado do campo
O Concello Cerdido está a reforzar o alumeado deportivo do campo de fútbol Bernardino Breijo de A Barqueira.
A actuación consta dun investimento de 45.748, 69 euros, financiada ao 80 % pola vicepresidencia segunda e a consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e as arcas municipais achegan o 20 % restante.
A execución consiste na instalación de dúas columnas de celosía metálica de 20 metros na zona central do campo, unha na zona das gradas e outra na zona da beira do campo anexa aos bancos.
Instalaranse, tamén, 4 proxectores led de 1.000 watios, dous en cada lado do campo, cunha óptica optimizada para o alumeado en espazos deportivos, cunha estrutura de aluminio inxectado, un difusor de vidro temperado plano e unha instalación orientable de 0º a 180º.
Inclúe unha estrutura de soporte superior de proxectores, formada por pezas simples de perfiles laminados en quente, con acabado de imprimación antioxidante, con unións soldadas en obra.
Por último, inclúese unha canalización de alumeado formada por un tubo de 90 mm de polietileno de dobre parede, curvable, de cor vermella.
Este campo de fútbol acolle de xeito habitual os partidos da Unión Deportiva Cebarca, club local que compite en Segunda Galicia e que esta temporada disputou a fase de ascenso a Primeira Galicia.
Segundo indica o alcalde, Alberto Rey, “con esta actuación melloramos de maneira notable unha infraestrutura deportiva municipal, onde xoga un dos equipos con máis seguimento no noso municipio, como é a Unión Deportiva Cebarca”.
O rexedor subliñou “a importancia de apoiar o deporte no noso municipio a todas as idades, e para iso temos que mellorar tanto as instalacións e manter a nosa colaboración aos clubs locais”.