Thursday 21 de November de 2024

Máis de 1.500 mozos e mozas participan nas actividades municipais de concienciación contra a LGTBIfobia


O Concello organizou ao longo deste mes diversas actividades de intervención, sensibilización e concienciación para rematar e previr a homofobia, a lesbofobia, a bifobia, a transfobia e demais violencias LGTBIfóbicas nos colexios e institutos. Foron invitados todos os centros e participaron o IES María Casares, o CEIP Luís Seoane, o IES Neira Vilas, o CEIP Valle Inclán, o IES Miraflores, o CEIP Juana de Vega e o CEIP A Rabadeira.

En total, pasaron polos Puntos Arcoiris 970 alumnos e alumnas e participaron nos obradoiros outros 557 escolares. Desde os Puntos Arcoiris realizouse un xogo-cuestionario de sensibilización co alumnado arredor das violencias LGTBIfóbicas e os estereotipos e prexuízos socialmente presentes arredor das persoas LGTBIQA+. Acompañando aos Puntos Arcoiris, houbo obradoiros e dinámicas participativas co alumnado de 5º e 6º de primaria, e 1º e 3º da ESO arredor das mesmas temáticas, co obxectivo de reflexionar conxuntamente, debater e fomentar un pensamento crítico en torno a estes aspectos.