O concelleiro de Deportes, Xabier Vidal, presentou hoxe o día da Bici xunto a Javier Sampedro e Moncho Sampedro, que se celebrará o 2 de xuño co propósito de fomentar o uso da bicicleta.
O evento, que terá saída dende Praza de España, está organizado polo Concello en colaboración co clube Saltamontes e a asociación de Veciños de Carreira. Segundo explicou o concelleiro, o casco será obligatorio para todo o mundo; e a recollida de dorsais será dende as 10 da mañá e a saída ás 11:00. O percorrido é de 5 km , que sairá cara as Avesadas, pasando por Rosalía de Castro, rúa de Galicia, Romero Ortiz, Paseo das Carolinas e volvendo polo Malecón de novo para rematar en Praza España.
No inicio do evento, farase unha homenaxe a Dositeo Fernández e Carlos Guerra, moi vinculados ao ciclismo. Xavier Vidal agradeceu a colaboración de Sport Bike e Dalle Pedal para a organización do evento; así como o GAEM e a Policía Local de Ribeira. Javier Sampedro, pola súa parte, destacou a necesaria inscrición previa para poder ter unha previsión da participación e mellorar o avituallamento e o control do tráfico no propio día.
A celebración do Día da Bici é unha cita anual que busca promover o uso da bicicleta como medio de transporte sostible, saudable e ecolóxico. Este evento, que contará co sorteo de agasallos, ofrece aos participantes a posibilidade de gozar dun paseo seguro e agradable pola cidade de Ribeira.