Friday 22 de November de 2024

O I Trofeo de Orientación Concello de Ribeira celebrarase o vindeiro 1 de xuño


O concelleiro de Deportes, Xabier Vidal, presentou hoxe o I Trofeo de Orientación do Concello de Ribeira, que se celebrará o vindeiro 1 de xuño, xunto a Javier Rico, Antonio Piñeiro, Mariben Sampedro, Moncho Sampedro e Gonzalo Prenlla.

Segundo explicou o concelleiro “é a primeira vez que se celebra unha proba destas características no Concello”. O trofeo, organizado polos clubes da Universidade de Santiago de Compostela e a asociación Arnela en colaboración coa Asociación de Veciños de Carreira, celebrarase pola mañán no Monte de San Alberto e pola tarde na parroquia de Corrubedo.

En San Alberto disputarase a proba da XXIII Liga Galega de O-Pé; Campionato da Xunta de Galicia de Distancia Media 2024, que puntuará na II proba da Liga Transfronteiriza Galicia Norte de Portugal, e pola tarde en Corrubedo, a I Proba da V Liga Galega de Sprint; Campionato da Xunta de Galicia.
A actividade, de caracter moi familiar, está vinculada ao medioambiente que engloba grupos de idade diferentes e implica habilidades deportivas pero tamén técnicas e intelectuais. Moncho Sampedro destacou o gran traballo da USC na elaboración do mapa de orientación do Monte de San Alberto “moi axeitado para esta proba”.
O I Trofeo de Orientación do Concello de Ribeira promete ser un evento destacado no calendario deportivo da comarca que atraerá a orientadores de toda Galicia e comarcas limítrofes, fomentando o espírito deportivo, o compañeirismo e o respeto polo medio ambiente entre os participantes.