Saturday 16 de November de 2024

A Xunta e La Caixa asinan un convenio por importe de 120.000 euros para a conservación dos Espazos Protexidos en Galicia


A conselleira de Medio Ambiente destaca a importancia de iniciativas como a comprometida esta mañá, xa que á vez que permiten conservar as Fragas do Eume, o bosque atlántico costeiro máis importante dos que existen en Europa, ofrecen unha oportunidade de inclusión social a colectivos desfavorecidos a través do emprego

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, o director territorial de CaixaBank en Galicia, Marc Benhamou, formalizaron o sexto convenio de colaboración permitirá poñer en marcha actuacións de conservación nos espazos protexidos de Galicia, como son os sete parques da Comunidade.

Mato e Benhamou asinaron este convenio de colaboración entre ambas institución e no que se establecen 120.000 euros, unha achega que permitirá retirar e eliminar plantas invasoras e rexenerar as marxes do embalse do Eume; recuperar hábitats naturais no complexo Dunar de Corrubedo; executar actuacións preventivas contra o lume no parque de Monte Aloia, e recuperar a vexetación autóctona nos Ancares, entre outros traballos.

No caso concreto das Fragas do Eume, unha das áreas protexidas máis senlleiras que existen en Galicia, xa que conta co bosque atlántico costeiro máis importante de todos os que se conservan en Europa, este convenio permitirá desenvolver un programa de atención e guiada de visitantes, protección de hábitats e especies, a mellora e limpeza de espazos do Parque ou a recuperación e optimización da Fraga.

Non obstante, a conselleira tamén destacou outra das oportunidades que brinda a formalización desta colaboración, xa que se promove a contratación prioritaria de persoas de colectivos vulnerables ou en situación de risco de exclusión para fomentar a súa inclusión activa a través do emprego.

Rede de Parques Naturais
A conselleira de Medio Ambiente recordou esta mañá que a Xunta de Galicia está a traballar na creación dunha Rede de Parques Naturais de Galicia, co obxectivo de conservar o patrimonio natural e facilitar o desenvolvemento económico das súas áreas limítrofes.

Mato Otero explicou que esta rede será unha marca que contribuirá a crear sinerxias para a posta en valor e promoción destes espazos, ao mesmo tempo que se preserva e se conservan as características que os definen como tal. A modo de exemplo das posibles oportunidades, citou o proxecto Starlight en espazos protexidos –presentado recentemente en Fitur- unha nova oferta turística nestes espazos innovadora, sostible e de calidade.

A conselleira lembrou que a conservación destes espazos é unha prioridade irrenunciable para o actual Goberno, e así queda reflectido nos orzamento de 2016, que recollen un investimento de 3,25 millóns de euros para actuacións nos sete parques de Galicia e que representa un 30% máis que en 2015.

Reiterou que a conservación debe ser compatible coas visitas aos parques, sempre que se faga de xeito ordenado e poñendo a conservación como primeiro obxectivo; pero é “absolutamente imprescindible” que os sete parques funcionen dun xeito coordinado, aproveitando as sinerxías e traballando baixo unha planificación común, ao tempo que se deben respectar as peculiaridades de cada un deles. Engadiu que se debe traballar para gozar da riqueza natural de Galicia, ao mesmo tempo que se protexe e se conserva para as xeracións futuras.