Thursday 21 de November de 2024

Ribeira traslada a Patrimonio Natural a necesidade de revitalizar o Parque Natural de Corrubedo


O alcalde de Ribeira, Luís Pérez e a concelleira de Medio Ambiente, Antía Alberte, reuníronse coa directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz a quen lle trasladaron a necesidade de realizar actuacións que permitan revitalizar o Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

Os membros do goberno municipal propuxeron crear varias liñas económicas dirixidas ás persoas propietarias de terreos dentro da zona protexida con diversas finalidades. A primeira delas sería para promover o cultivo das terras, a gandaría, a apicultura, a silvicultura e calquera outro tipo de actividades respectuosas co medio natural conseguindo xerar un impacto económico na zona. Por outra banda, demandaron que a Xunta realice unha memoria económica para compensar ás persoas propietarias de terreos e titulares de dereitos consolidados, que estean en disposición de vender os seus terreos. “Esta medida faría posible que a Xunta fose comprando terreos a quen teña intención de vendelos” asegurou o rexedor.
Durante a xuntanza mantida na Consellaría de Medio Ambiente, tamén se trasladou o problema que xeran os xabarís nos terreos cultivados polo que demandan medidas que permitan reducir o número de exemplares desta especie e tamén axilidade nas axudas establecidas para paliar os danos nos cultivos.
Con respecto ao mantemento, consideran importante garantir un correcto estado dos paseos e zonas de maior tránsito. Por parte da Dirección Xeral de Patrimonio, comprometéronse a realizar tarefas de mantemento dos aparcadoiros das Dunas e tamén da praia do Vilar, algo que o rexedor agradeceu.

Por último, a concelleira fixo fincapé na importancia de reducir as especies invasoras como a “cortaderia selloana” tamén denominada herba da pampa e animou a realizar campañas de educación ambiental coa rapazada, abrindo durante todo o ano o Centro de Interpretación de los Ecosistemas Litorais (CIELGA) para dar a coñecer os valores ambientais e naturais do Parque.