Friday 22 de November de 2024

Unha trintena de docentes de toda España coñece o modelo de éxito da Formación Profesional galega


— A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, amosa aos visitantes o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, en Ourense

— Os docentes participantes acuden a cinco centros máis ata o xoves en Lugo, Pontevedra, Santiago e A Coruña para descubrir a oferta educativa da Xunta

Unha delegación de 31 docentes procedentes de toda España, participantes no proxecto FP Innovación, visitaron hoxe o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional CGIFP Eduardo Barreiros acompañados pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez. A súa estadía en Galicia ten como fin coñecer o modelo de éxito da Formación Profesional galega.

A delegación, composta polos responsables de Aulas de Emprendemento das comunidades de Andalucía, Cataluña, Canarias, Comunidade Valenciana e Murcia, ademais de Ceuta, descubriu de primeira man o funcionamento do modelo galego, un referente ante a sociedade española debido ás posibilidades de innovación e colaboración entre os ámbitos educativo-formativo e produtivo para o desenvolvemento de novas capacidades nas empresas, aproveitando o capital humano e a experiencia dos centros galegos de Formación Profesional. “É un orgullo poder compartir cos compañeiros de toda España o noso sistema e a nosa gran oferta educativa”, sinalou a representante da Consellería de Educación.

Esta visita, que se prolongará ata o xoves, enmárcase no proxecto FP Innovación que realiza diferentes actividades onde se fomentan as competencias técnicas, dixitais e transversais, poñendo o foco en formar e informar de xeito integral ao alumnado e ao profesorado de Formación Profesional de toda España.

O proxecto desenvolve diferentes accións enfocadas na formación, actividades experienciais, asesoramento e aplicacións de novas tecnoloxías coa intención de trasladar coñecementos, ferramentas e recursos ao ecosistema educativo. O obxectivo final é apoiar o crecemento e o benestar da comunidade de centros, docentes e alumnado deste ámbito.

Ruta polos centros da Rede de Excelencia
Ademais de ir a este centro ourensán, os profesionais tamén visitarán cinco centros que forman parte da Rede de Excelencia Estatal. Esta tarde coñecerán o Centro Integrado de FP CIFP As Mercedes de Lugo, destacado no sector da aeronáutica. Xa mañá, os docentes acudirán ás instalacións do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra para descubrir a súa oferta de hostalería e o CIFP Politécnico de Santiago, brillante no eido da química.

Finalmente, o xoves adentraranse no sector da construción e a sustentabilidade enerxética no CIFP Someso da Coruña e na oferta educativa do sector sanitario do CIFP Ánxel Casal-Monte Alto da mesma cidade.