Os problemas coa rede de saneamento, que a veciñanza da zona leva padecendo dúas décadas , pasaron de ser augas fecais a augas pluviais mais sempre rematan igual
O BNG fixo unha visita á zona e esixirá responsabilidades ás Administracións competentes dadas as eivas detectadas
Cada vez que chovía con certa continuidade rexistrábase un novo episodio de vertidos e fedores nauseabundos no comezo da Rúa Bartolomé de las Casas, na parroquia de Nós, procedente da obsoleta rede de saneamento que dá servizo á zona.
O BNG ten constatado presencialmente, sempre alertado pola veciñanza das casas próximas, como do sumidoiro de pluviais situado á altura do número 10 de Bartolomé de las Casas saía a cachón unha escuma de cor clara e cheiro nauseabundo que invadía por completo a calzada e acababa por saír a un rego que desembocar no río da Gándara, cuxas augas dan ao Mero e acaban na agora rexenerada Ría do Burgo.
A veciñanza da zona leva cae dúas décadas soportando, e denunciando publicamente, estes continuados vertidos e fedores cada vez que chove, procedentes dunha obsoleta rede de pluviais que recolle desde augas das marxes da estrada N-VI até do Polígono Industrial do Espírito Santo. En abril de 2016, un gran vertido no mesmo punto mobilizou as policías locais de Cambre e Oleiros e mais a Policía Autonómica e levou a comprobar como, presuntamente, o punto de orixe estaba na arqueta situada xunto a unha das empresas do polígono.
Na actualidade após novas canalizacións de Concellos e Xunta seguimos cunha diagnose parecida, asologamentos sen cheiros, mais asolagamentos en todo caso.
O endémico problema dos vertidos que padece a zona da Gándara, en Nós, xa fora levado ao Parlamento de Galiza no 2018 da man do deputado do BNG Xosé Luís Rivas após unha visita á zona. O BNG fixo esta semana unha visita á zona acompañado das veciñas afectadas e unha vez acreditados as inundacións, urxirá os responsábeis de Augas de Galiza e as consellarías de Medio Ambiente e Cambio climático por medio da nosa parlamentaria oleirense Iria Taibo, e aos Concellos afectados (Cambre e Oleiros) dean dunha vez por todas, non foi sen tempo, solucións duradeiras e permanentes.