Friday 22 de November de 2024

Ruta ciclista en familia por San Sadurniño con 103 participantes


Máis dun cento de persoas, boa parte delas nenas e nenos, participaron na ruta ciclista desta mañá. Saíron do CPI e chegaron á capela da O, en Pedroso, seguindo pistas e camiños da parcelaria, ademais de algún sendeiro de monte ben fermoso.

O percorrido de hoxe foi a primeira de tres actividades organizadas de aquí ao verán polo Concello e o club Biela e Chaveta. As próximas son a BTT nocturna do 30 de xuño e a II Cronoescalada Sanrockeira do 23 de agosto. Iso si, de hoxe en dúas semanas San Sadurniño acollerá a IX Carreira Popular Concello de San Sadurniño, que xa ten aberto o período de inscrición desde hai días.

Remate do curso de iniciación á apicultura
Por outra banda, 17 persoas remataron esta fin de semana o curso de iniciación á apicultura organizado polo Concello e a Casa do Mel. Nas últimas xornadas viron desde o coidado e mantemento das colonias de abella até a colleita do mel e doutros produtos da colmea. O sábado fixeron prácticas no colmear da Cortiña e o domingo, na derradeira sesión, achegáronse á Casa do Mel de Goente.