Thursday 21 de November de 2024

Ortigueira combinará tradición, deporte e música na I Xornada Mariñeira


• O evento celebrarase o domingo 2 de xuño no Porto de Espasante

• A xornada estará marcada pola celebración das primeiras Bandeiras ‘Ortigueira Boga Folk’, unha competición na que participarán nove embarcacións

O vindeiro domingo 2 de xuño, o Concello de Ortigueira celebrará a I Xornada Mariñeira a partir das 11:00 horas no Porto de Espasante. Tratarase dun evento homenaxe á honra daqueles mariñeiros que crearon un deporte, coa disputa entre eles nas súas traiñeiras de remo para chegar os primeiros ao lonxa e vender a mellor prezo o peixe.
Esta mañá, na Alameda, o alcalde da localidade, Valentín Calvín, presentou a iniciativa xunto a outros membros do equipo de goberno, da empresa Pescada do Norte-Juan García Pesca e de Remo Revolución.
O evento combinará tradición con deporte e música. A nivel competitivo, celebraranse as primeiras Bandeiras ‘Ortigueira Boga Folk’ tanto en categoría masculina como feminina, así como as primeiras Bandeiras ‘Pescada do Norte-Juan García Pesca’ para o mellor patrón ou patroa.
Na competición participarán nove traiñeiras. As catro femininas serán A Cabana-Ferrol, Cabo de Cruz, Castropol e Perillo. As cinco masculinas, Ares, Cabo de Cruz, Castropol, Mugardos e Narón. Ademais, as tripulacións máis novayas recibirá unha pescada como premio ao seu esforzo.
Deste xeito, terá lugar a primeira edición da regata contra o reloxo de traiñeiras “Ortigueira Boga Folk”. Este evento combinará tradición, deporte, música e convivencia.
A Federación Galega de Remo colabora nun evento no que as saídas serán de minuto en minuto para todas as tripulacións e terán que percorrer unha distancia de 5.556 metros, ida e volta.
A maiores, a mañá será amenizada pola Escola de Gaitas de Ortigueira, Vos Carecos, A Troula de Ortegal e a Banda de Gaitas de Ladrido. Con esta xornada que combina tradición mariñeira, música, natureza e convivencia, iníciase a promoción dos deportes náuticos en Ortigueira: o verdadeiro Camiño do Mar.