Friday 22 de November de 2024

Gonzalo Muíños propón que as subvencións deportivas inclúan un anticipo do 80% que se conceda cando se resolva a convocatoria


Lembra que é unha fórmula que xa funciona nas convocatorias de outras administracións e que permitiría dar “seguridade económica” aos clubs e entidades da cidade

Defenderá unha proposición no vindeiro pleno na que se detalla que, para que sexa viable esta fórmula, o goberno ten que planificar as convocatorias e a aprobación dos convenios no último trimestre do ano anterior

No orzamento “pactado e aprobado gracias ao PSOE” para o 2024 recóllense arredor de 16 subvencións nominativas a clubs e asociacións deportivas. Unha liña de apoio económico ao deporte compostelán á que habería que sumarlle as axudas en concorrencia competitiva para o deporte federado que adoita beneficiar a máis de 50 entidades deportivas. Un apoio “necesario” defende o portavoz socialista en Raxoi que, suxire agora, “mellorar para facilitar a planificación económica dos clubs”.

Así, Gonzalo Muíños, propón que se incorpore o anticipo como norma xeral nas subvencións destinadas a clubs, federacións e asociacións deportivas. Concretamente, a proposta dos socialistas pasa por que as entidades que soliciten esas axudas reciban o 80% da subvención unha vez se resolva a convocatoria, no primeiro trimestre de cada ano.

Explican que, para que isto sexa viable e cumpra coas bases de execución do orzamento do Concello e a normativa que regula as subvencións, a convocatoria tería que aprobarse no último trimestre do ano anterior. Nesta liña vai orientada a proposición que os socialistas levarán a pleno a vindeira semana e coa que buscan mellorar a estabilidade financeira dos clubs “xa que así terán máis posibilidades de alcanzar altos niveis de rendemento e éxito nas súas competicións ao poder desenvolver programas de adestramento efectivos a longo prazo.

Muíños lembra que esta fórmula xa funciona nas convocatorias de outras administracións como é o caso da Xunta de Galicia. Así llo trasladou ademais ao presidente do Hóckey Club Raxoi, Miguel Rodríguez, nunha xuntanza que mantiveron para abordar estes e outros asuntos relativos ao mundo do deporte en Santiago.