― O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia impartiu a máis de 20 persoas coñecementos sobre as causas dos accidentes laborais investigados e asociados a operacións de tala e apeo coa motoserra, así como sobre medidas preventivas para tratar de eliminar ou reducir os riscos que os ocasionaron
― O Goberno galego está a desenvolver unha campaña para garantir a seguridade nos aproveitamentos forestais en zonas perigosas con formación e información ao persoal sobre os riscos máis habituais asociados a estas tarefas
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), impartiu esta semana dúas edicións do curso de formación continua Análise de evidencias de riscos laborais nos aproveitamentos forestais no que se formaron un total de 24 persoas. Nel adquiriron coñecementos sobre as causas dos accidentes laborais investigados e asociados a operacións de tala e apeo coa motoserra, así como sobre medidas preventivas ou de protección para tratar de eliminar ou reducir os riscos que os ocasionaron.
Este curso enmárcase na programación formativa da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e estaba dirixido ao persoal técnico do Issga, dos servizos de prevención de riscos laborais da Administración galega e outro persoal interesado das entidades públicas e da administración institucional.
De feito, segundo especifica o Issga, a caída de árbores durante os labores de talla é un labor que expón a seguridade dos traballadores e o motoserrista debe estar capacitado para tomar decisións e aplicar as técnicas correspondentes nas diferentes situacións do seu traballo.
Neste sentido, a formación consistiu nunha sesión teórica, celebrada en Ordes, e outra práctica, que tivo lugar nunha parcela do concello de Frades. Nelas afondaron en coñecementos para entender circunstancias específicas nas que se desenvolve o traballo con motoserra e as características desta tarefa, sobre os factores que afectan á seguridade nos labores de talla e procesado da árbore e que veñen determinados por aspectos como o ámbito de traballo, as características da masa arborizada, a especie e morfoloxía de árbore con que se traballa, a orografía e a climatoloxía, entre outros.
O programa tivo unha duración de 10 horas e abarcou cuestións relacionadas cos equipos de protección individual, sistemas de seguridade das máquinas, repercusións e análise do estado de mantemento das máquinas e das árbores. Tamén incluíu a avaliación de técnicas de traballo seguro, contidos sobre a investigación de evidencias de riscos potenciais e prácticas de manexo.
Campaña específica
O curso coincide coa campaña específica que a Xunta de Galicia está a promover para garantir a seguridade nos aproveitamentos forestais en zonas perigosas. Con ese fin, esta iniciativa promove a formación e información do persoal sobre os riscos máis habituais asociados aos aproveitamentos forestais, establecendo as medidas de protección e prevención pertinentes.
Neste caso, trátase de recoñecer as zonas perigosas en tarefas como a corta manual ou mecanizada de árbores, o tronzado ou saca de madeira e a carga sobre plataforma. Nesta liña, é primordial situarse fóra das zonas de perigo e asegurarse de que non haxa persoas nelas cando se opera, así como respectar as recomendacións de seguridade recollidas nos manuais de instrución dos equipos de traballo e atender ao recollido na avaliación de riscos.
Ademais, os técnicos do Grupo de traballo técnico no sector forestal do Issga elaboran documentos formativos e informativos sobre condicións de traballo seguras que permitan sensibilizar e abordar a sinistralidade laboral neste sector estratéxico. De feito, este curso súmase a outros como o de prevención de riscos no uso da motoserra e da rozadoira ou de gamificación para avanzar na prevención de riscos laborais neste eido.
Todas estas actividades enmárcanse na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, que persegue afrontar os riscos ante a transformación do mercado laboral e sentar as bases de cara a crear contornas de traballo seguras, saudables e sustentables. Deste xeito, -entre outras cuestións- abórdanse os riscos psicosociais, os accidentes laborais e as enfermidades profesionais, buscando reducir a sinistralidade en eidos con maior incidencia ou singulares, como é o caso do forestal, pero tamén noutros como o dos coidados, a pesca, a construción ou o naval.