A Concellaría de Promoción Económica pon en marcha unha nova campaña de dinamización comercial coincidindo co décimo aniversario do festival internacional de arte pública
O comercio local xoga, tradicionalmente, un papel fundamental na transformación arquitectónica e estética da paisaxe carballesa. O deseño dos establecementos, a decoración dos escaparates, os elementos identificativos… son elementos que contribúen á configuración da identidade urbana e que enchen as nosas rúas de cor. Cos mesmos obxectivos naceu hai dez anos o Festival internacional de arte pública Rexenera Fest, que está a contribuír dun xeito decisivo ao proceso de transformación urbana enchendo as nosas rúas de cor.
E, por iso, neste décimo aniversario do Rexenera Fest, desde a Concellaría de Promoción Económica poñemos en marcha unha nova campaña de dinamización comercial coa que queremos agradecer a toda a cidadanía as achegas e a boa acollida aos novos espazos artísticos que integran, despois de dez anos, un xigantesco museo ao aire libre.
Ese agradecemento plasmarase nunha campaña na que poderán participar ata un cento de comercios carballeses. Os interesados poden anotarse cubrindo este formulario.
Desde o 30 de maio ata o 9 de xuño, coincidindo coa celebración do festival, a clientela de todos estes establecementos recibirá, por cada 20 euros de compra, un boleto-rasca co que poderá conseguir uns agasallos moi especiais: camisetas, parasois… todos con imaxes dos nosos murais. Deberás entregar o teu boleto premiado, xunto co tícket de compra, no Museo de Bergantiños, onde che farán entrega do agasallo correspondente. Temos miles de premios!