Friday 22 de November de 2024

O Concello de Carballo incorpora ao orzamento unha nova partida do remanente de tesourería de 3.738.987,46 euros


O 44% do investimento vai destinados á ampliación da rede de parques infantís que representan a filosofía “Carballo para a infancia”

Despois da incorporación de remanente por importe de 783.533,18 euros aprobada no pleno de abril, neste mes de maio a corporación abordará unha nova proposta para seguir mellorando os servizos públicos cunha achega de 3.738.987,46 euros procedentes tamén do remanente de tesourería para gastos xerais.

Que se pretende facer con esta cantidade tan importante? A relación é moi longa, pero entre todos os proxectos destacan os relativos á mellora de rede de parques infantil, que supoñen un 44% do investimento total. O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, explicaron na presentación dos asuntos do próximo pleno que o goberno municipal quere dar un salto cualitativo e cuantitativo na filosofía “Carballo para infancia”, que xa marcou as melloras que veñen de realizarse nos parques infantís da praza da Milagrosa, a rúa Eduardo Pondal, Razo ou A Ponte de Bértoa, aos que se sumará en breve o da Praza do Concello, e que seguirá definindo as próximas actuacións.

A incorporación do remanente permitirá, deste xeito, acometer actuacións integrais nos parques urbanos do Rego da Balsa e a Praza do Outeiro, así como ampliar o parque do Chorís e renovar e certificar todos os parques das parroquias. A relación completa de actuacións e a orde do día do pleno poden consultarse máis abaixo.

A liquidación do orzamento do ano pasado supuxo un remanente de tesourería para gastos xerais de 11.441.312,60 euros. No que vai de ano xa se utilizaron 6.120.251,50 euros para financiar outras modificacións orzamentarias, principalmente derivadas de obras que non puideron executarse na súa totalidade no ano 2023, e os 786.533,18 da incorporación de remanente aprobada o mes pasado. Unha vez se materialice o acordo plenario do próximo luns e se incorporen os 3.738.987,46 euros previstos, quedará aínda dispoñible un remanente de tesourería de 798.073,64 euros.