Na sesión celebrada este luns tamén saíron adiante varias licenzas urbanísticas relacionadas coa actividade empresarial
A Xunta de Goberno Local aprobou na xuntanza celebrada este luns a concesión de subvencións nominativas a cinco entidades deportivas e a sinatura dos convenios correspondentes por un importe total de 29.000 euros. O reparto das axudas realizouse do seguinte xeito:
• 4.500 euros para Escolas Balonmán Xiria para o financiamento do Carballo Handball Festival 2024.
• 6.500 euros a Escola Basket Xiria para o 10º Día do Pequebasket.
• 3.000 euros á Sociedade Deportiva Sofán para o Torneo de fútbol base SD Sofán 2024.
• 9.000 euros ao Club Ciclista Carballo para a Challenge Júnior Carballo.
• 6.000 euros á Asociación Deportiva e Cultural Voleipraia Costa da Morte para as Escolas deportivas de voleipraia.
Na sesión deste luns tamén saíron adiante varias licenzas urbanísticas, na súa maior parte relacionadas coa actividade empresarial. Deste xeito, deuse o visto bo á construción dunha nave para taller de reparación e pintado de vehículos pesados na Rega (Bértoa), outra para fabricación e almacenaxe de envases de conservas nas instalacións de Calvo, outra para un edificio de uso terciario na Rega, outra para un almacén na rúa Alcalde Bolón e outra para unha edificación de uso agrícola en Ramil (Sísamo). Así mesmo, fóra da orde do día foi aprobada a construción dunha nave industrial destinada a cámaras frigoríficas no ámbito de Conservas Calvo.
A Xunta de Goberno Local, por outra banda, desestimou as alegacións presentadas ao proxecto das obras de urbanización da parcela destinada á ampliación do centro de saúde, que deste xeito segue o seu curso.
Entre outros acordos, fóra da orde do día saíu adiante o relativo á organización dun curso destinado á formación sobre a Lei de protección dos dereitos e benestar dos animais na administración local.