Coincidindo coa conmemoración do Día dos Museos que se celebrou este sábado, o Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial veñen de dar a coñecer os nomes dos/as gañadores/as do II Concurso de BD de Humor Demo Pequeno. O xurado desta segunda edición -formado polos debuxantes Inés Vázquez e Víctor Boullón, xunto co autor de bd e editor de Demo Editorial, Manel Cráneo, e a coordinadora do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos- reuniuse o pasado 9 de maio e acordou conceder por maioría os seguintes premios:
Na categoría infantil (de 8 a 11 anos):
1º Premio, dotado con 100 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75€ e diploma, á obra presentada co título Xeriátrico de Robots. Aberta a plica, o seu autor é Diego Noguerol Feijoo. O xurado valorou a calidade técnica do debuxo, a limpeza no tratamento da cor, unha boa composición e un guión que acompaña coa calidade do debuxo. Ademais salientou que a historia se entende con total claridade.
2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 50€ e diploma, á obra presentada co título Desde o seu punto de vista. Aberta a plica, a súa autora é Maia Tato Rodríguez. O xurado valorou que o guión da historia é moi divertido e que se entende moi ben, convidando a serguir lendo. Ademais, condensa moita información en pouco espacio, sen deixar de ser unha historia de síntese. E que o deseño do personaxe central é moi orixinal e mola moito.
Na categoría Xuvenil (de 12 a 16 anos):
1º Premio, dotado con 100 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 100€ e diploma, á obra presentada co título Imaxinando o futuro. Aberta a plica, a súa autora é Ainara Soto Reino. O xurado valorou a combinación perfecta entre guión e debuxo, unha técnica de cor espectacular en relación á categoría que compite e o uso moi correcto da narrativa gráfica.
2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75 € e diploma, á obra presentada sen título. Aberta a plica os seus autores son Ana Manso López e Gael Rivas Núñez (CPR Santa Juana de Lestonnac). O xurado valorou a minuciosidade do debuxo e a calidade do entintado. Tamén salientou a narrativa, clara e directa, e o carácter optimista da historia, resolta con humor branco.
Asemade, o xurado acordou nomear FINALISTAS na categoría Xuvenil, con diploma e agasallo pero sen dotación económica, aos traballos presentados por Jimena Rivas Garel (IES Concepción Arenal, Ferrol), co título O paraxo robot, e Noa Fachal Bermúdez (CPI San Sadurniño), co título Carmen e as novas tecnoloxías.
A entrega de premios terá lugar o vindeiro 7 de xuño, ás 18.00 horas, no Museo do Humor Xaquín Marín (Avda. de Conces, 20-22, Fene). Ademais, ese mesmo día, coincidindo coa apertura da exposición II concurso de bd de humor Demo Pequeno na que se amosará unha selección das obras presentadas ao concurso, colgarase na web museodohumor.fene.gal a exposición virtual do certame.
Organizan: Museo do Humor Xaquín Marín (Concellería de Cultura do Concello de Fene) e Demo Editorial