Está financiado e coordinado pola Secretaría Xeral de Igualdade e conta coa colaboración da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria
Comeza o curso ‘Abordaxe da violencia de xénero desde o ámbito educativo’, dirixido a 50 profesores e profesoras de ensinanzas non universitarias, a través da Plataforma de Teleformación de Galicia para o ámbito Educativo, PLATEGA.
O curso está financiado e coordinado pola Secretaría Xeral de Igualdade e conta coa colaboración da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Tratase da cuarta edición desta actividade que, de xeito innovador, comezou a impartirse en 2013 e polo que xa pasaron 150 docentes.
O seu obxectivo é formar no coñecemento en violencia de xénero ás e aos profesionais do ensino para contribuír a un desenvolvemento axeitado do seu labor educativo, en termos de igualdade de xénero, como medio de prevención eficaz nos centros de ensino da violencia exercida contra as mulleres. É dicir, conseguir que a aprendizaxe actúe como elemento esencial na adquisición de coñecemento crítico sobre a violencia de xénero e na incorporación de novos valores a través da socialización en igualdade.
Os contidos da actividade formativa divídense en catro bloques: Contextualización xeral e conceptos básicos; Características, orixe e consecuencias da violencia de xénero; Marco contextual específico: a importancia do ámbito educativo en materia de violencia de xénero; e Como intervir desde os centros educativos cara á prevención da violencia de xénero.
O curso forma parte do Plan de Formación Permanente do Profesorado, coordinado polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, polo que os docentes que o realicen recibirán un certificado equivalente a 30 horas de formación do profesorado.
Forma parte, ademais, das iniciativas postas en marcha ao abeiro do ‘Plan Proxecta’, unha iniciativa de Cultura e Educación para a integración na planificación anual dos centros de ensino dos diferentes programas postos en marcha polos distintos departamentos da Xunta e no que a Secretaría xeral da Igualdade colabora co programas Por 365 días de respecto e igualdade na prevención da violencia de xénero dende o ámbito educativo.
O obxectivo principal do ‘Plan Proxecta’ é establecer un marco xeral de colaboración entre os distintos departamentos da Xunta de Galicia que dispoñen de programas dirixidos aos centros educativos. A través do ‘Proxecta’, búscase fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns, así como integrar estes programas na planificación anual dos centros.