Friday 22 de November de 2024

As zonas de baño da Pobra acadan un ano máis a cualificación “Excelente”


O Concello da Pobra do Caramiñal recibiu na semana pasada notificación da Xefatura Territorial da Consellaría da Sanidade con relación á clasificación sanitaria final das zonas de baño do municipio na pasada tempada e vixente para este 2024.

Tódalas praias valoradas reciben a cualificación de “Excelente” segundo o sistema de cálculo da Directiva 2006/7/CE. Aquí avaliáronse seis zonas do litoral pobrense: A Barca, A Corna, Os Areos, A Illa, A Lombiña e Raposiños.

A este respecto, o concelleiro do Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, precisa que “nestas áreas marítimas tómanse mostras que aportan información sobre a calidade das augas e, unha vez máis, acadamos a máxima cualificación. Isto garante que temos uns excepcionais areais para o baño.”

Entre os meses de maio e setembro realizaranse as habituais probas rutineiras para coñece-la evolución da calidade das augas; uns controis adscritos ao Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia 2021-2025 realizada pola Xunta de Galicia a través da Consellaría da Sanidade, polo obrigado cumprimento da normativa europea.

Estes datos son públicos e poden ser consultados a través da páxina web da Consellaría da Sanidade, dentro do apartado da Sanidade Ambiental e do Sistema de Información Nacional de Augas de Baño (Náyade).