A trixésimo sexta edición do Rally Cidade de Narón celebrarase este sábado na cidade. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou hoxe o evento xunto co edil de Deportes, Ibán Santalla; o presidente da Escudería Siroco Narón, Antonio Sueiras, o coordinador e o xefe de seguridade do evento, Moncho Padín e Ramiro Fandiño, respectivamente; o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Troitiño; o vicepresidente da Real Federación Española de Automovilismo, José Vicente Medina; a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; e a xerente do Centro Comercial Odeón, Cristina Imaz. Na Praza de Galicia, onde se presentou o rally, estiveron tamén os pilotos Iván Rivera e Jorge Paz, cos seus Peugeot 206 XS; José María Blanco, co BMW 325 e Fernando Rico co BMW M3. A rexedora local naronesa destacou o feito de que participarán na proba un total de 58 vehículos, cunha importante lista de recoñecidos pilotos e copilotos, e tamén que se trata da única proba CERA que se disputará en Galicia.
Unha das novidades deste ano, tal e como avanzou a alcaldesa, Marián Ferreiro, será o percorrido que na xornada previa ao rally, este venres 24, se realizará pola estrada de Castela, que permanecerá pechada ao tráfico rodado entre as 20:30 e as 21:30 horas. Os pilotos participantes sairán en caravana dende as inmediacións do Centro Comercial Odeón ata Xuvia, realizando unha parada na rotonda de Freixeiro para realizar unha fotografía de todos os participantes nesta edición.
O sábado o primeiro participante sairá ás 07:30 horas do parque de asistencias ubicado na rúa Panadeiros, no polígono industrial de Río do Pozo e ás 20:30 horas rematará o rally, reuníndose os vehículos no parque pechado do Centro Comercial Odeón, onde ás 20:45 horas se celebrará o pódium. A ceremonia de entrega de trofeos está prevista para as 21:30 horas, tamén no exterior do Centro Comercial Odeón.
O rally Cidade de Narón engloba un total de 400 quilómetros, dos que 111 son cronometrados e que discurrirán polos concellos de Narón, San Sadurniño, As Somozas, Moeche e Cerdido.
Ramón Padín explicou que o rally se realiza nunha soa xornada por normativa, o que fará que se realicen os cinco tramos (As Barbelas, A Queira, As Enchousas, San Pedro e Pedroso) a partir das 07:30 horas. “As Somozas en canto a tramos é o centro neurálxico do rally, donde se realizarán tres dos cinco tramos”, apuntou, indicando estar satisfeito coas inscricións deste ano e destacou os once participantes que irán en cabeza da proba e a presencia de pilotos como Enrique Cruz ou Carlos Moreno, procedentes doutras comunidades.
A delegada da Xunta en Ferrol calificou como “moi consolidada esta proba, poñendo de manifesto a boa saúde que ten este rally” e destacou “o empeño da Escudería Siroco, hoxe unha referencia no mundo do automobilismo”, manifestando o apoio da administración autonómica a este evento deportivo.
O representante da Federación Galega de Automobilismo valorou o traballo da Escudería Siroco, á que trasladou a súa colaboración para que as probas cada día adquiran maior nivel. A continuación, dende a Real Federación Española de Automovilismo púxose en valor a Copa de España de Rallyes de Asfalto Recalvi, polo esforzo que supón a súa organización, e tamén agradeceu o esforzo económico das administracións e empresas que colaboran no evento.
Ferreiro agradeceu a implicación de todas as persoas que colaboran con esta proba e, especialmente o traballo da Escudería Siroco Narón “para que poidamos desfrutar deste rally, cada vez máis relevante no mundo do motor”, ás federacións galega e autonómica, outras administracións, forzas e corpos de seguridade, persoal sanitario, voluntario e participantes no rally.
Dende a Escudería Siroco agradeceron tamén a implicación e colaboración de administracións, empresas, corpos e forzas de seguridade, e incidiron na importancia de que a xente que acuda cumpra con todas as recomendacións oficiais “para poder desfrutar deste espectáculo”.