Friday 22 de November de 2024

Nova semana de Maio das Letras Galegas na Pobra con xogos tradicionais e teatro


A Pobra do Caramiñal entra na recta final do Maio das Letras Galegas 2024 con dúas novas propostas que, como afirma a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, “nesta semana achegará alternativas para tódolos públicos: xogos para a rapazada e artes escénicas para as persoas adultas.”

 

No venres 24 realizarase unha actividade dirixida para as crianzas da man de Somos Enredos. Será no parque do Castelo, dende as 17.00 ata as 20.00 horas. Alí haberá xogos tradicionais e obradoiros de chapas e marcapáxinas.

 

E Bradomín Teatro, da Asociación de Amas de Casa da Pobra, levará á escena a función Unha residencia con moita marcha. Terá lugar no domingo 26, ás 20.30 horas, no teatro cine Elma. Esta obra cómica relata a vida tranquila dunhas persoas dunha residencia que se ve alterada pola chegada dunha nova directora  ao centro con moi mal carácter. Coñecerán co paso dos días, ademais, que un famoso cantante dará un concerto na vila, polo cal os/as residentes queren ir á festa e iso desencadeará momentos divertidos e risas aseguradas.

 

A entrada é libre ata completa-la cabida.