Friday 22 de November de 2024

Inés Rey destaca a importancia do programa Coruña  Digital Pymes, que formará ás empresas da cidade en  transformación dixital 


A alcaldesa persentou a actividade formativa acompañada por Venancio  Salcines, presidente do consello reitor de Cesuga e impulsor dos cursos,  que comezarán en setembro e serán gratuítos 

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá o programa  Coruña Digital Pymes, unha iniciativa que permitirá ás pequenas e medianas empresas da  cidade recibir formación gratuíta en transformación dixital a partir do mes de setembro. No  acto de presentación a rexedora estivo acompañada por Venancio Salcines, presidente do  consello reitor de CESUGA e presidente de EF Business School. Ata María Pita achegáronse  representantes das asociacións empresariais da cidade e outros colectivos relacionados co  sector privado. 

“A dixitalización é un proceso imparable e necesario, pero conseguir unha transformación  completa non é un proceso sinxelo e menos contando con recursos limitados como os que  acostuma a ter unha peme”, indicou a alcaldesa. Coruña Digital Pymes enmárcase no plan  Generación Digital Pymes impulsado polo Ministerio para la Transformación Digital e está  financiado con fondos europeos Next Generation. Na cidade, o Concello e CESUGA  xestionarán o seu desenvolvemento. 

O programa ofrece unha mestura de coñecemento e liderazgo dixital que proporcionan as  ferramentas dixitais adecuadas para lograr un mellor posicionamento do tecido empresarial  no novo mercado. A formación, valorada en 14.000 euros, será gratuíta e está deseñada para  equipos de dirección de pemes de entre 10 e 249 traballadores e traballadoras. 

O curso será impartido, a partir do mes de setembro, por un equipo de profesionais expertos  en activo no ámbito da transformación dixital. Consta de 146 horas docentes de metodoloxía  práctica e persoalizada, impartidas en formato mixto presencial e online, con mentorías e  sesións específicas con casos prácticos de éxito. “A Coruña é o principal motor económico de Galicia e queremos que as súas pemes crezan estando ao día nos procesos de  dixitalización”, indicou Inés Rey. 

As empresas coruñesas interesadas en participar neste programa poderán formalizar a súa  participación no proceso selectivo a través da seguinte páxina web:  http://corunadigitalpymes.com